Manifesto Miñor recorrerá os acordos plenarios para expulsar a Antonio Araújo e ao noso grupo municipal das mancomunidades do Val Miñor e de Vigo
Como era de esperar, na sesión plenaria de Gondomar, celebrada na mañá deste 6 de febreiro, o señor Ferreira consumou a vinganza contra Manifesto Miñor e, nomeadamente, contra Antonio Araújo, ao expulsar ao noso compañeiro das mancomunidades do Val de Miñor e de Vigo, para pagarlle o favor á concelleira tránsfuga non adscrita Mª Rocío Cambra Castro. Como denunciamos publicamente, trátase dunha actuación profundamente antidemocrática e que promove a corrupción política, pois furta a representatividadedxs concelleirxs lexítimxs dos grupos municipais en favor de quen, por motivos espurios, deciden abandonar eses grupos. Paco Ferreira e o PSOE válense do transfuguismo subverter a vontade popular e conseguir unha maioría absoluta que as urnas lle negaron.
Para Manifesto Miñor, o grave de todo isto é a desafección que este tipo de actitudes provocan na cidadanía, pois cómpre lembrar que o Partido Socialista foi un dos impulsores do Pacto Antitransfuguismo no Congreso dos Deputados e, de feito, en novembro de 2020, subscribiu a III adenda ao Paco Antitransfuguismo, denominada “Pacto pola Estabilidade Institucional e loita contra o transfuguismo político”. Ese documento establece, con meridiana claridade, a condición de persoa tránsfuga non adscrita (como é o caso de Mª Rocío Cambra Castro) e recolle, entre outras cousas, que xs concelleirxs tránsfugas non poderán mellorar a súa situación política nin económica (e, polo menos, na Mancomunidade de Vigo si se paga unha indemnización por asistencia ao pleno) e que os grupos políticos vítimas do transfuguimo non poden sufrir ningunha eiva nos seus dereitos. Dende logo, con este pago de favores á concelleira tránsfuga, Paco Ferreira demostra que non acredita na democracia nin nos acordos asinados polo seu partido.
No debate plenario desta mañá, dende Manifesto Miñor advertimos ao señor Alcalde que esta manobra era nula de pleno dereito, como demostra a abondosa xurisprudencia ao respecto do transfuguismo en distintas instancias xudiciais. Polo tanto, imos proceder a interpoñer un recurso aos acordos plenarios que modifican a representación de Gondomar na Mancomunidade do Val Miñor e na Mancomunidade de Vigo.
Xa sabemos que don Paco Ferreira non cumpre nin os acordos que el mesmo asina, pero lamentamos, neste caso, que ninguén no PSOE faga cumprir os acordos subscritos no Congreso dos Deputados.
En Gondomar, a 6 de febreiro de 2025.
Manifesto Miñor