O Tribunal Administrativo de Contratación pública paraliza o concurso para a privatización do servizo de auga e saneamento de Gondomar
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública paraliza o concurso para a privatización da auga e o saneamento municipais de Gondomar polas indefinicións existentes no estudo de viabilidade económico-financeiro. Este é o resultado da incapacidade do Señor Alcalde á hora de atender as propostas do restos dos grupos da corporación municipal.
Dende hai varios anos, dende o Grupo Municipal de Manifesto Miñor vimos denunciando, publicamente e en diferentes organismos oficiais, que teñen a obriga legal de velar pola transparencia municipal e pola xestión dos asuntos públicos axustados á legalidade e aos procedementos establecidos, a maneira que o Sr Ferreira ten de xestionar o Concello de Gondomar coma se fose o fidalgo dun pazo que fai nel o que lle peta. Por exemplo, sempre puxemos enriba da mesa a discrecionalidade coa que don Paco Ferreira levanta os reparos da Intervención Municipal para pagar obras por servizos no gume da legalidade; unha maneira de actuar que ten máis que ver co clintelismo político de tempos pasados que cunha xestión democrática e transparente dunha Administración moderna do século XXI.
Pois ben, froito dese modus operandi do Señor Ferreira acaba de bater co Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, que por unanimidade acaba de resolver favorablemente e por unanimidade a paralización cautelar do concurso público da contratación (privatización) da traída municipal de auga e do saneamento do Concello de Gondomar. A devandita resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia vén dáda en base ás alegacións presentadas por unha das empresas candidatas ao citado concurso público (Petrolam Infraestructuras S.L.), que nas súas alegación pon de manifesto que na documentación que rexe o citado concurso aprobada polo Pleno (Estudo de viabilidade económico-financeiro), existen entre outras irregularidades moitas indefinicións nos investimentos a executar por parte da empresa adxudicataria gañadora do concurso público.
En maio deste ano, o Grupo Municipal de Manifesto Miñor advertíamos disto mesmo a través dunha alegación presentada ao devandito “Estudo de Viabilidade”, que o Goberno Municipal, coa súa proverbial soberbia e desprezo polas achegas dos grupos da oposición, rexeitou. Agora aquí ten as consecuencias dese xeito de entender e de practicar a política.
Velaí a nosa alegación:
3ª.- Consideramos improcedente incluír no devandito “ESTUDO DE VIABILIDADE ECONÓMICO-FINANCEIRA” a traída de auga á parroquia de Vilaza, toda vez que aínda non foi traspasada ao Concello, e cuxos trámites a día de hoxe, por razóns descoñecidas para nós, están paralizados. Incluír un futurible desa magnitude, do que se descoñece incluso o número de usuarios, pode supoñer unha grave distorisión de toda a concesión con consecuencias para as arcas muncipais, ou mesmo de caracter legal.
En Gondomar, a 12 de setembro de 2022.
Asdo. Antonio Araújo Quintas.
Voceiro municipal de MM.