O PSOE impide un debate sobre o xenocidio sionista en Gaza na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV)
Seguramente a maioría da cidadanía que vive nos concellos que compoñen a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, MAIV, (Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Gondomar, Mos, Salceda, Soutomaior, Redondela e Vigo), ignoran a existencia deste organismo e cal é a súa función ou actividade. Trátase dunha cousa lóxica e normal, pois leva anos morta ou con respiración asistida. A última actividade da que hai constancia é un “Programa de emprego “MAIV GARANTÍA XUVENIL 2023”.
A día de hoxe, faise un pleno por ano para aprobar a conta xeral é pouco máis. Precisamente, o último tivo lugar o pasado mércores día 9 e nel, efectivamente, aprovouse a Conta Xeral que é preceptivo para poder funcionar e, obviamente, a Acta do pleno anterior (ollo! Era a da constitución celebrado o 1 de abril deste ano). Cómpre salientar que os representantes do PP decidiron hai anos non asisitir a estes plenos, así que dos 38 membros con dereito a voto no plenario, eramos 30 asistentes: 21 do PSOE e 9 entre Manifesto Miñor, Movemento Salceda, Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén, AER Redondela e BNG.
Dende Manifesto Miñor, sendo conscientes da inoperancia deste organismo, pensamos que polo menos podería servir para facer de altavoz e denunciar o xenocidio que o goberno sionista de Israel está perpetrando e Gaza e agora no Líbano, reclamando a solidariedade do Pleno e aprobando o envío de recursos finacieiros á Axencia da ONU para as persoas refuxiadas de Palestina, a UNRWA. En concreto, o voceiro de Manifesto Miñor, Antonio Araúxo, reclamou que se destinase o 10% do remanente que existe na conta da MAIV.
Pois ben, o primeiro en “disparar” contra a moción cun argumentario tan penoso coma reaccionario, foi o voceiro do PSOE para a ocasión, D. Paco Ferreira, para, de seguido, dárllela razón D. Abel Caballero que, na súa condición de Presidente da MAIV, sentenciou que a moción de Manifesto Miñor non era urxente e, en consecuencia, foi rexeitada por 21 votos en contra (PSOE) e 9 a favor dos grupos municipalistas coma Manifesto Miñor e do BNG. Este mércores, 16 de outubro, o Sr. Caballero presidiu un acto a favor de Palestina en Vigo. Imaxinades o ben que representaría a toda a cidadanía da MAIV o mércores D. Abel Caballero nese acto cun acordo aprobado polos representantes dos concellos que asistimos a ese organismo? Mágoa que todo é pura hipocresía e postureo.
Velaí a proposta completa da Moción:
1º.- A MAIV recoñece publicamente que a violencia extrema de Israel contra o pobo palestino é un xenocidio, polo que esiximos o cesamento inmediato e permanente da violencia e a facilitación da axuda humanitaria a toda a zona agredida, dende Gaza até o Líbano.
2º.- Manifestar a solidariedade con Palestina e co seu pobo, lamentando a perda de milleiros de vidas inocentes, así como transmitir o noso profundo pesar polo padecemento da súa poboación.
3.- Instar á UE e aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia a se coordinar para acolleren nas mellores condicións ás persoas refuxiadas, así como a se comprometer coa atención socio-sanitaria, principalmente das crianzas palestinas en grave situación de vulnerabilidade.
4.- Instar ao Goberno do Estado Español, e á UE para que seus membros suspendan toda a colaboración en materia militar, así como a venda de armas ao goberno sionista e xenocida de Israel.
5.- Aprobar e facultar ao goberno da MAIV para ingresar na conta da UNRWA, Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina, o 10% do remanente de tesourería ou do saldo que neste momento obra nas contas da MAIV (1.529.723,50€).
En Gondomar, a 17 de outubro de 2024.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Concelleiro de Gondomar representante de Manifesto Miñor na MAIV.