Mesmos impostos, mesmos servizos: saneamento nas parroquias
Manifesto Miñor apoia a mobilización a favor do saneamento nas parroquias que convoca o BNG o vindeiro sábado, día 21 de maio, ás 11:30 horas, diante do Concello de Gondomar.
En 2008, sendo alcalde Antonio Araúxo, demostramos que sempre se deben priorizar as necesidades reais da veciñanza do Concello, é dicir, o interese xeral, fronte aos intereses partidarios ou persoais do goberno de turno. No que vai de mandato o Sr. Ferreira non fixo outra cousa que ignorar as necesidades básicas das parroquias: saneamento, auga pública, ordenación do territorio (PXOM), etc , e por iso a día de hoxe é máis necesario que nunca reivindicar as políticas do necesario fronte as políticas do bonito e da propaganda que practica o Sr. Ferreira.
En 2008, foi posible xestionar nun tempo record, incluso telematicamente e cun goberno en minoría e con cero dedicaciòns exclusivas, os case tres millóns de euros do “Plan E” do Presidente Zapatero que foron investidos nun 90% en saneamento nas parroquias, e alí onde o momevento veciñal o propuxo. A maiores, contratouse toda a obra que legamente se puido con empresas de Gondomar.
É coñecido en todo Gondomar o discurso do Sr. Ferreira segundo o cal “aquilo que vai soterrado non dá votos”, como proba está o saneamento do Barrio da Pedra en Morgadans, que nin aprobándoo o Pleno nin levándoo aos tribunais, o proxecto saeo do caixón e segue durmindo na mesa da Alcaldía. Por iso entendemos que neste momento é máis necesario que nunca a mobilización masiva da veciñanza das parroquias pra conseguirmos que o goberno municipal cambie de criterio á hora de investir os cartos de públicos en obras e servizos que axuden a mellorar a calidade de vida da veciñanza que vivimos nas parroquias.
En Gondomar, a 15 de maio de 2022.
Asdo.: Manifesto de Miñor.