Manifesto Miñor solicitará no vindeiro Pleno un pronunciamento da Corporación municipal de Gondomar a prol do pobo saharauí

 

NON NO NOSO NOME! “A SOLIDARIEDADE É A TENRURA DOS POBOS”

 

Cando a escritora e poeta  nicaraguana Gioconda Belli describía desa maneira tan linda o significado da solidariedade entre os pobos,  estaba expresando, sen dúbida ningunha, o que a veciñanza de Gondomar e o Concello levamos practicando dende hai máis  de trinta anos apoiando ao Pobo Saharauí, e probablemente sendo un dos concellos de Galiza pioneiros nesta causa. Por exemplo, acollendo a nenos e nenas sahaurauís todos os veráns no que agora se chama “Vacacións en Paz”, etc. Mais a solidariedade e a tenrura que dende Gondomar lle mostramos ao Pobo Saharauí sempre estivo acompañada da idea fundamental do dereito irrenunciable a vivir na súa Terra. Unha Terra expropiada con violencia polo goberno marroquino. O dereito a vivir en paz, como tamén cantara hai moitos anos Victor Jara.

En 1975, o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia recoñeceu o dereito á autodeterminación do Pobo Aharauí. Fíxoo semanas antes da Marcha Verde contra o Sahara Occidental organizada polo Rei de Marrocos. En 1991 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas emitiu a resolución 690 do Consello de Seguridade tras o acordo de 1988 entre Marrocos e o Fronte Polisario que incluía un referendo no que o pobo do Sáhara Occidental elixiría entre a independencia ou a integración en Marrocos. Así naceu a MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental).  O referendo nunca chegou a realizarse, e agora, en 2022 o Goberno de España, a Potencia Administradora, distanciouse das Nacións Unidas e da súa posición histórica para apoiar unha autonomía saharauí dentro de Marrocos por considerar que é “a base máis seria, críble e realista para a resolución deste conflito”. ” pechando así a crise diplomática con Marrocos iniciada en abril de 2021 cando un líder do Fronte Polisario foi trasladado a un hospital español.

É por iso que á vista do xiro inexplicable, por non dicir vergoñento do Goberno do Estado, pregándose aos intereses do sátrapa marroquino, coma se fora de fiar a súa palabra, dende Gondomar e través do órgano de máxima respresentanción popular que o Pleno da Corporación Municipal. ACORDAMOS:

1º.- Dacordo coa Resolución 2072 (XX) da Asemblea Xeneral da ONU, segundo a cal o Estado Español  na súa condición de “Potencia Administradora” (condición xurídica confirmada pola Audiencia Nacional  en 2014)  ten a obriga xurídica e política de tomar todas as medidas necesarias para garantir a libre determinación efectiva do Pobo Saharauí, SOLICiTAMOS do Presidente do Goberno e do Ministro de Asuntos Exteriores, que renuncien á proposta feita pública de facer do Sahara Occidental unha Autonomía dentro do Reino de Marrocos, e que volvan á posición histórica dos gobernos do Estado e da ONU a favor da libre determinación do Pobo Saharauí.

2º.- Manifestar, máis unha unha,  vez a nosa solidariedade co Pobo Saharauí e o compromiso de seguir traballando dende Gondomar a favor dos seus dereitos políticos e das necesidades materiais do mesmo.

3º.- Remitirlle este acordo ao Presidente do Goberno e ao Ministro de Asuntos Exteriores.

 

En Gondomar, a 29 de marzo de 2021.

Abril 1, 2022

Etiquetas: , ,