Manifesto Miñor presenta unha alegación ao Proxecto de Transporte Público da Xunta de Galicia
Val de Miñor, 19 de outubro de 2026.- Manifesto Miñor presentamos, hai máis dun mes, unha alegación ao plan de transporte publicado pola Xunta de Galicia e agardamos resposta, pero, sobre todo, que se teñan en conta as nosas propostas e aqueloutras presentadas polas plataformas de persoas usuarias que existen en Gondomar e na comarca, co ánimo de mellorar o servizo e ofrecer e garantir unha mobilidade funcional nunha sociedade do século XXI.
Para o noso grupo, tal e como sempre dixemos, a mellor maneira de cohesionar os territorios, de evitar o valeirado do rural e de combater o cambio climático é investir con forza nun transporte público, de calidade, con horarios asequibles ás necesidades da veciñanza, que nos permita chegar a tempo aos noso traballos, aos centros de estudos, aos hopitais, a facer compras, ás actividades de lecer, etc. Aí é onde se deben investir os fondos europeos, para que repercutan de verdade na cidadanía e non en asuntos superfluos ou que van directamente aos bolsillos das grandas corporación multinacionais.
Queremos, ademais, unha comarca conectada, polo que cómpre un servizo que permita os desprazamentos entre os distintos concellos do Val de Miñor, como están demandando as persoas usuarias. Resulta incomprensible que, para chegar a Baiona, para realizar un sinxelo trámite no INEM ou na oficina da Seguridade Social, teñamos que dipoñer de coche propio ou perder toda a mañá enlazando autobuses.
Imos estar vixiantes ao proceso para adxudicación da nova concesión do transporte público na comarca, pois non podemos volver a un servizo en precario, que deixa á veciñanza nas paradas ou que non garante a puntualidade.