Manifesto Miñor vota, por responsabilidade, a favor da modificación de crédito para pagar o Servizo de Axuda no Fogar a pesar do desleixo orzamentario de Paco Ferreira
Gondomar, 20 de setembro de 2026.- O pasado venres, o señor Alcalde convocou un Pleno extraordinario urxente no que o punto terceiro, o asunto que era realmente urxente, trataba da necesidade de xerar crédito para pagar as facturas so Servizo de Axuda no Fogar (SAF). De non aprobarse a modificación de crédito proposta polo goberno, a alternativa era que o servizo poidese quebrar.
Nestes asuntos tan importantes, por lle afectar a persoas e a familias vulnerables, é onde se ve a sensibilidade social e a previsión e a xestión dun goberno municipal, pois estas facturas non son un gasto sobrevido e todos os concellos saben que hai que pagalas. A pregunta que xorde é: por que o goberno de don Paco Ferreira non reservou o crédito suficiente para atender os pagos? Con todo, a pregunta do millón é: por que o señor Ferreira prefire ter prorrogados os orzamentos de 2011 non canto de facer unas novos axeitados á realidade municipal actual de Gondomar, tendo maioría abondo pra sacalos adiante, e poder atender todas as necesidades da nosa veciñanza? Ou será que temos un Alcalde que prefire non ter control democrático de como se gastan os cartos públicos e usar o orazamento segundo lle convén de maneira clientelar? En todo caso, neste momento a xestión municipal é moi deficiente e merece un capítulo aparte, pois a organización do Concello e o trato que se lle está dando ás persoas traballadoras deixan moito que desexar.
Pois ben, o devandito terceiro punto da orde do día do Pleno facía referencia ao levantamento do reparo feito pola Intervención Municipal de 137.809,16€ para lle facer fronte ao pagamento de facturas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pois tal como recolle literalmente o informe da Intervención Municipal, non hai crédito suficiente e é necesario xerar crédito. Esta situación xa fora advertida por Manifesto Miñor no pleno do mes de xullo, cando o remanente quedou a cero cando aínda faltaban algo máis de cinco meses para finalizar o ano. Queda por ver cantas veces máis haberá que recorrer a este sistema para poder afrontar os pagamentos que se produzan até o vindeiro ano.
En todo caso, neste asunto, a posición de Manifesto Miñor foi clara: Coas persoas máis vulnerables non se xoga e os servizos sociais non deben converterse nunha cuestión de disputa partidaria. Xa que logo, como non podía ser doutro xeito, por responsabilidade votamos a favor.
O sucedido neste Pleno é unha mostra da nefasta xestión económica do Sr. Alcalde, que gasta sen control e sen orzamentos naquilo que considera politicamente rentable para os seus intereses e, cando aparecen as necesidades reais da veciñanza, acude ao Pleno da Corporación para que lle saquemos as castañas do lume.
Nós seguiremos actuando con responsabilidade e votando a favor daquilo que sexa necesario para atender as necesidades da veciñanza, especialmente cando se trata das persoas máis vulnerables. A nosa prioridade seguirá sendo defender o interese público, o ben común e os dereitos da veciñanza de Gondomar.
Manifesto Miñor
Proposta da Alcaldía na que se recolle o levantamento de reparo de Intervención, por falta de crédito como consecuencia da ausencia de previsión do señor Ferreira, para facer fronte ao pago dunha factura do SAF de case 140 mil euros.