Manifesto Miñor pregunta polo financiamento do GES no Pleno da Mancomunidade
Antonio Araújo solicita información sobre as achega da UNESPA
Hoxe mércores, ás 13:30 horas, tivo lugar en Baiona un Pleno Extraordinario da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor cun único punto na orde do día: ADHESIÓN AO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA, A FEDERACIÓN GALEGA DE MUNICIPIOS E PROVINCIAS E AS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS, EN MATERIA DE EMERXENCIAS E PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS, PARA O DESENVOLVEMENTO DOS GRUPOS DE EMERXENCIA SUPRAMUNICIPAIS (GES) 2019-2021.
O montante total do devandito convenio ascende á cantidade de 272 241€, de tal xeito que a Deputación Provincial achega 112 000€, a Consellaría de Medio Rural 123 491€, Vicepresidencia da Xunta 15 750€ e Mancomunidade do Val Miñor 21 000 €
Pois ben, como é sabido, a Unión Española de Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA), que representa a máis do 98% das aseguradoras do Estado, ten entre as súas funcións a de negociar e subscribir, a través dunha xestora, convenios coas administracións locais para pagar unha porcentaxe dos ingresos que obtén polo cobro das primas dos seguros de incendios e multirrisco, un 5% e un 50% respectivamente de acordo co recadado nos diferentes concellos. Trátase dun importante recurso financeiro que ten como destino en exclusiva, e por lei, a mellora dos parques de bombeiros e a loita contra o lume.
A día de hoxe, ignoramos se estas porcentaxes están sendo pagadas pola UNESPA, se veñen incorporadas na subvención da Deputación Provincial, en cuxo caso á Deputación sairíalle gratis o convenio, e, obviamente, descoñecemos a cantidade que nos corresponde. Estamos a falar dunha Comarca de máis 50 000 habitantes cun importante número de vivendas, sobre todo de segundas residencias, empresas, comercios, parque de automóbiles, etc., polo que é de supoñer que non deberían de ser poucos cartos.
Por este motivo, o representante de Manifesto Miñor no Pleno, Antonio Araújo Quintas, solicitou do Presidente do Pleno (o Alcalde de Nigrán) que faga as xestións oportunas diante da UNESPA para que aclaren esta situación. No caso de nos corresponder un maior financiamento da UNESPA, podería ser a solución para mellorar en medios materiais e humanos o GES do Val Miñor, un servizo imprescindible para a Comarca que necesita ser ampliado sen máis demora.
En Gondomar, a 6 de Febreiro de 2019.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Concelleiro de Manifesto Miñor