Manifesto Miñor esixe ao goberno do señor Ferreira que informe sobre a situación de tramitación do PXOM de Gondomar e convoque a comisión de seguimento antes de final de ano
MM vén de presentar unha moción para ser tratada no vindeiro pleno de novembro co obxecto de abrir o debate público e sacar do ostracismo (e do caixón da Alcaldía) a tramitación do PXOM de Gondomar.
Non é de recibo que D. Paco Ferreira, despois de afirmar publicamente en 2018 solemnemente e con contundencia que el mesmo se facía cargo do PXOM pra sacalo adiante dáda a “incompetencia” do concelleiro de urbanismo de MM (Antonio Araújo); incluso despois de adiantar publicamente varias datas para a súa aprobación inicial, o certo é que a día de hoxe nada se sabe do PXOM e arredor do mesmo só hai secretismo e opacidade por parte do goberno municipal e do Sr. Ferreira. A Comisión de Seguimento do PXOM desapareceu do organigrama municipal e nada se sabe dos traballos da equipa que o redacta; das xestións ou dos informes sectoriais que os diferentes organismos publicos teñen que emitir; se as máis de 600 suxestións feitas pola veciñanza e colectivos ao borrador foron icorporadas ao mesmo, etc, etc. O único que nos chega publicamente á veciñanza e aos grupos da oposición municipal é a propaganda que periodicamente emite o Sr Ferreira como foi caso da xuntanza mantida coa Directora Xeral de Urbanismo en Santiago en xuño de 2021 onde anunciaron un suposto o asesoramento e colaboracion entre a Xunta e o Concello de Gondomar para axilizar a tramitación do PXOM. Un ano e pico despois seguimos igual. U-lo a colaboración e os resultados?: PROPAGANDA E FUME!!
En MM pensamos que 25 anos despois da aprobación do primeiro PXOM da historia de Gondomar, que senón fora pola política curtopracista dalgúns (PSOE) e os intereses espurios doutros que se cebaron no mesmo, hoxe estaríamos xustamente no horizonte temporario da súa revisión. Pasado todo este tempo e malia que a súa vixencia só durou entre 1997 e 2005, hoxe ninguén dúbida dos beneficios e dos avances que o mesmo supuxo para Gondomar. Foi un PXOM eficaz na súa xestión e cunha ordenación territorial asumida pola inmensa maioría da veciñanza e dos axentes sociais. Grazas ao mesmo hoxe podemos presumir, por exemplo, da situación da Vila de Gondomar cun deseño aceptable: alturas acotadas, zonas verdes, rúas novas, etc, ou de sentar as bases dunha ordenación do noso territorio sobre a idea de facer de Gondomar un lugar pra vivir, pra traballar, pra xerar riqueza…. poñendo en valor todas as nosas potencialidades.
Todo isto foi posible grazas ao debate público e á participación social e veciñal que dalgún xeito guiou aos representantes públicos para que acadásemos os consensos necesarios e saber estar á altura das circunstancias que esixía o momento. Así foi como se aprobou cunha amplisíma maioría (15 votos a prol PP-BNG e 2 en contra PSOE) o primeiro PXOM da historia de Gondomar.
Lamentablemente o realizado neste mandato que xa vai de resto por parte do Goberno Municipal, vai xustamente na dirección contraria. Cero debate, cero información e moita propaganda. A única certeza que temos a día de hoxe é o mantemento da subvención da Direccion Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia concedida no ano 2009 (Resolución de 13/04/2022 asinada pola Xefa do Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Xunta de Galicia) que garante uns mínimos pra pagar os traballos da redaccion do PXOM. Menos dá unha pedra!!
Chegados a este punto onde despois de 17 anos o Concello de Gondomar segue sen ordenar o seu territorio, podemos coller dous camiños: o dos reproches para ver quen ten máis responsabilidade nesta situación e conseguir uns centos de votaos máis nos vindeiros comicios municipais (xa coñecemos como acaba isto) ou, coller o camiño do traballo e do debate serios, con información, participación e transparencia, pra sacar adiante un PXOM para Gondomar por unimidade. Nós (MM) sabemos que iso é posible pois case se consegue hai 25 anos.
É por iso que cómpre comezar a camiñar sen máis atrasos polo que propoñemos ao Pleno o seguinte:
A Coporación Municipal de Gondomar acorda poñer a disposición de tod@s @s concelleir@s canta información exista a respeito da tramitación do PXOM de Gondomar así como convocar á Comisión de Seguimento do PXOM, conxuntamente coa equipa redactora do mesmo, para antes de finalizar o ano que andamos.
Sexa cal sexa o resultado da votación no Pleno, o que lle vai quedar claro a toda a veciñanza de Gondomar é a vontade política do Goberno Municipal sobre este asunto ou a súa incapacidade para xestionar as cousas verdadeiramente importantes para Gondomar.
Dende logo, por Manifesto Miñor non vai quedar e aló cada quen coa súa responsabilidade.
En Gondomar, outubro de 2022.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.