Manifesto Miñor denuncia o recheo da canteira no lugar de Penide en Prado (Morgadáns)
Durante o pasado mes de marzo e no que vai de abril, recibimos varias queixas de diferentes veciñxs de Prado (Morgadáns), en relación cos traballo de recheo dunha canteira existente no devandito barrio, no lugar de Penide ao camiño dos Lagos, que levaba varios anos “durmida”.
Logo de nos achegar ao lugar, comprobamos o que efectivamente estaba acontecendo alí: unha actividade intensiva co obxecto de selar a canteira; tan intensiva como o movemento de varios camións de grande tonelaxe, así como a pa excavadora achanzando a terra e soterrando os entullos de todo tipo que ían deitando os citados camións (acompañamos fotos e plano de situación). Tamén puidemos observar, segundo os logos dos devanditos camións, o nome de tres empresas carrexando e vertendo terra, xabre, entullos, etc.
Asemade, feitas as correspondentes averiguacións no Concello, non consta expediente aberto ao respecto, ignorando se teñen licenza municipal ou calquera outra autorización sectorial ao respecto.
A maiores, hai que ter en conta que estamos a falar dunha zona sensible polo existencia na proximidade da devandita canteira que están aterrando, abundantes olleiros de auga, nacentes de regueiros con troitas, unha zona húmida na que habitan as dúas especies de “ Orballiña” (ver foto) que esixten en Galicia, a Drosera Rotundifolia e a Drosera Intermedia moito máis escasa. Segundo informa a veciñanza, atravesan a zona varias traídas de auga veciñais. Resulta evidente que estamos a falar dun espazo de grande interese natural que cómpre protexer e vixilar calquera actuación que se faga no mesmo ou na súa contarna.
Por iso, dende Manifesto Miñor solicitamos que o Concello de Gondomar e a Concellería de Medio Ambiente actúen con dilixencia por se houber que tomar medidas que eviten males maiores, protexendo así un espazo natural de tanta importancia, e que os traballos de selado da canteira se fagan axustados á legalidade e seguindo os criteriso técnicos, medioambientais, etc., necesarios.
En Gondomar, a 13 de abril de 2021.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas
Voceiro de Manifesto Miñor