Manifesto Miñor denuncia o desprezo á lingua galega por parte do goberno de Baiona na edición do calendario de Gestagua en colaboración co Concello

Esta situación foi posta en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, garante da defensa da lingua galega.

 

Esta mañá, espertamos en Baiona cun agasallo, que recibimos por correo postal, pagado a conta de todas as persoas usuarias da auga municipal, pois a empresa concesionaria da xestión da auga municipal, en colaboración co Concello de Baiona, vén de editar un calendario que está entregando á veciñanza. A cuestión non tería máis transcendencia se non fose porque se están a empregar a institución municipal, e presumiblemente cartos públicos, para facer propaganda dunha empresa privada no que queda en evidencia o menosprezo da lingua galega por parte deste goberno municipal.

 

O devandito almanaque contén unha introdución escrita e asinada polo señor Alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, integramente en castelán, o que supón un novo agravio cara a nosa lingua. Que o goberno do Partido Popular de Baiona despreza o galego resulta evidente, xa que nas redes oficiais do concello hai que facer un verdadeiro esforzo por atopar publicacións en galego e nos plenos é testemuñal o uso do galego por parte dalgúns membros do goberno. Mais, agora, é o propio Alcalde quen asina o documento que encabeza este agasallo publicitario de Gestagua, en representación do Concello e de todas as veciñas e veciños de Baiona.

 

Segundo a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, Artigo 7.1, «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén da súa Administración local», e polo tanto, é responsabilidade do goberno municipal garantir a promoción da lingua galega e promover o seu uso. De feito, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado polo Parlamento de Galicia, fixa os seguintes dous obxectivos para o ámbito da Administración local:

1) Consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados.

2) Incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas.

 

En definitiva, dende Manifesto Miñor consideramos que o goberno do Partido Popular de Baiona incumpre a lei no que ten que ver coa promoción e uso do galego e vulnera os dereitos lingüísticos das veciñas e dos veciños do noso concello. Xa que logo, poñemos esta situación en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística para que realice todas as actuacións que considere.

 

Luns, 27 de novembro de 2023.

Manifesto Miñor.

Novembro 27, 2023

Etiquetas: ,