Manifesto Miñor convoca xs comerciantes, hostaleirxs e veciñxs interesadxs da Praza Rosalía de Castro e da súa contorna a unha xuntanza o vindeiro 18 de maio

As humanizacións das vilas, cidades, barrios, etc., non teñen sentido sen contar coa opinión e as propostas das persoas que habitan nestes espazos, entre outras razóns porque impoñelas pola forza, como pretende Don Paco Ferreira e o Goberno Municipal do PSOE, fará que acaben sendo espazos mortos, sen vida e sen relacións humanas. No mellor dos casos, eses espazos quedarán convertidos en vilas dormitorio, coa expulsión do comercio e os servizos de proximidade,

Asemade, xérase un prexuízo cara as persoas de rendas baixas, que ao pasaren a vivir en  rúas e prazas “bonitas”, a suba dos alugueiros será imparable. Un efecto perverso que se dá sempre cando estas transformacións se impoñen, sobre todo cando falamos de vilas pequenas como a nosa, cunhas dinámicas humanas e comerciais moi definidas.

Por sorte, a Vila de Gondomar  non é unha grande cidade ou un espazo urbano saturado pero, ao carecer dunha zona vella ou histórica que teña un atractivo “per se”, a súa vida comercial depende en grande medida da accesibilidade para poder mercar, etc. Ninguén vén ao centro da Vila de Gondomar a pasear, que para iso temos parques públicos de moito interese, senón que imos á Vila a mercar, a buscar calquera servizo (perruquerías, librarías, dentistas, asesorías, lecer, cultura…) ou simplemente pra quedarmos coas amizades pra tomar un café ou un  aperitivo.

Pois ben, diante do anuncio feito polo Goberno Municipal de humanizar a Praza de Rosalía de Castro e a súa contorna, que polo que deixan ver  nos medios sería pechalo ao tránsito rodado na práctica, dende MM entendemos que unha medida deste calibre, na zona máis comercial da Vila de Gondomar e onde se concentra máis do 40% dos comercios, incluída a Pza de Abastos, non pode ser imposta sen contar coa opinón e as propostas das persoas que viven, traballan ou teñen os seus comercios nesa zona.

 

Dádo que o Sr. Alcalde é alérxico a falar coa veciñanza organizada e que a Concelleira de Comercio está desaparecida neste problema malia ter unha suculenta dedicación exclusiva, “Manifesto Miñor” ten convocada unha xuntanza con todos os comerciantes da zona ou veciñ@s interesados/afectados, pra falar deste asunto, e conseguir que a opinión e os intereses do conxunto sexan tidos en conta, antes de que sexa tarde e estera o proxecto feito e adxudicado.

 

A xuntanza será o MARTES, DÍA 18 DE MAIO, ÁS 20,30HS, NO AUDITORIO “LOIS TOBÍO” obviamente con todas garantías que a pndamia COVID-19 require.

 

En Gondomar, a 14 de maio de 2021.

Asdo. : Antonio Araújo Quintas.

Maio 15, 2021

Etiquetas: ,