Manifesto Miñor considera insuficientes as explicacións de Paco Ferreira ante as denuncias do persoal do Concello en inspección de traballo e solicitará a súa comparecencia na vindeira sesión plenaria

Gondomar, 15 de novembro de 2026.- Logo de facerse pública unha denuncia en inspección de traballo do persoal da Policía Local de Gondomar contra o Acalde de Gondomar, responsable político do conflito laboral existente, toda vez que é o concelleiro delegado da Área de Persoal, don Paco Ferreira fixo unha serie de manifestacións públicas que, lonxe de centrarse en ofrecer respostas concretas nin solucións aos problemas denunciados polos axentes. A realidade é que existe un conflito laboral coa Policía Local de Gondomar e existen graves problemas laborais, organizativos e de prevención de riscos que levan tempo sen se resolver e que están afectando á prestación deste servizo público esencial, mais tamén a outros departamentos municipais. 

É máis, se como recoñece o señor Alcalde á prensa, é certo que coñecía a obrigatoriedade de desenvolver unha avaliación de riscos psicosociais por parte do Concello, xorden moitas preguntas: Por que non se realizou con anteiroridade e se esperou a chegar a esta situación? Por que se agardou ata este momento para darlle prioridade? Cando prevé o Paco Ferreira que se vai desenvolver efectivamente a avaliación psicosocial das persoas traballadoras do Concello de Gondomar? Neste senso, queremos advertir que a avaliación de riscos psicosociais debe realizarse a todas as traballadoras e traballadores municipais, tal como establece a Lei 31/1995, de 8 de novembro de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) polo que, dende Manifesto Miñor estaremos pendientes a realización da devandita avaliación. 

Tampouco abondan as explicacións de don Paco Ferreira no tocante á denuncia feita polos axentes con respecto a cuestións organizativas e demandas básicas de seguridade. Para nós, non é suficiente con enumerar a existencia dunha neveira, un microondas ou uns vestiarios para dar por resoltas as necesidades da Policía Local, cando de todo Gondomar é coñecido o espazo no que se desenvolve a súa actividade profesional. Por suposto, en canto ao tema da falta de protocolos e procedementos claros en cuestións básicas, non hai nas declaracións de Ferreira máis que obviedades: limítase a alegar que os vehículos e os uniformes se lavan no taller ou na lavandería, ignorando as demandas da policía local en materia de intervencións policiais. Dende logo, resulta dunha gravidade extrema que se teñan que realizar patrullas unipersoais ante a ausencia de persoal por estar en situación de incapacidade temporal.  

Por todo isto, dende Manifesto Miñor consideramos insuficientes as explicacións do señor Ferreira; o problema non desaparece porque o Alcalde negue as acusacións de acoso, que está por ver, e ofreza xustificacións peregrinas que raian, como vén sendo habitual nas súas manifestacións públicas, na soberbia da que adoita facer gala. Xa que logo, imos rexistrar unha solicitude de comparecencia do señor Ferreira no vindeiro Pleno para que dea a corporación municipal as explicacións pertinentes sobre este asunto e os problemas de persoal polos que atravesa o Concello de Gondomar. 

Manifesto Miñor 

Novembro 14, 2026

Etiquetas: , ,