Garda Civil e Policía local, practicamente sen efectivos operativos.

A cidadanía de Gondomar desprotexida na súa seguridade cidadá por causa da falta de efectivos de Policía local e Garda Civil.

 

Dificilmente os corpos de Garda Civil e da Policía local de Gondomar poden preservar a nosa seguridade se non dispoñen de persoal para garantir os nosos dereitos ou para cumprir as obrigas que a lei lles marca. Nin lles é posible asegurar o cumprimento da lei, nin a protección das persoas e os bens, nin a orde pública e a seguridade cidadá, nin a prevención dos delitos, nin a investigación de feitos delitivos, nin a recollida de información e a planificación de accións contra os delitos, nin a colaboración cos servizos de Protección Civil, nin a custodia das propiedades, dos edificios e instalacións públicas, nin a ordenación do tráfico, nin a persecución de delitos medioambientais….

Actualmente, doce son os  efectivos totais da Garda Civil de Gondomar. Logo de establecer os cadros de horarios, en ocasións tan só é posible ter activa unha patrulla, para facer os labores propios do corpo fóra do cuartel. Esta patrulla soamente pode estar dispoñible para unha quenda.

En tempos de vacacións do persoal ou enfermidade, a situación vólvese máis crítica, xa que a patrulla polas parroquias, ou pola vila, en ocasións desaparece. Tan só queda un efectivo da Garda Civil dentro das instalacións.

No caso da Policía Local de Gondomar, área da que o Alcalde é responsable, a situación aínda é máis dramática: a día de hoxe, tan só tres efectivos están operativos. Isto tradúcese nunha situación de precariedades no servizo: na práctica, só se pode ter a un funcionario en exercicio activo para atención a cidadanía do Concello e exclusivamente na quenda de mañá.

Nesta  precaria situación semella difícil pedirlle que  protexan o libre exercicio dos dereitos e  liberdades da cidadanía ou que traballen na prevención e a investigación das conductas delitivas.

Ao non dispor de policía polas tardes, as instalacións do Centro Neural permanecen pechadas, polo que non se poden utilizar por parte de colectivos veciñais e organizacións políticas ao non designar o concello unha persoa que as abra.

A seguridade é un dos bens que mais apreciada pola veciñanza. En Gondomar, a situación é crítica e ningunha autoridade, nin gobernamental, nin local, demostra preocupación por un tema tan sensible para todos nós.

Gondomar, 2 de xaneiro de 2019

Xosé Antón Araúxo Rodríguez,

concelleiro de Manifesto Miñor

 

Xaneiro 2, 2019

Etiquetas: , ,