A Xunta de Galicia responde ás preguntas do Manifesto Miñor sobre a parálise na construción do novo centro de saúde de Gondomar

A Consellería de Sanidade responde no Parlamento Galego as preguntas da Deputada Chelo Martínez sobre a paralización das obras do novo centro de saúde de Gondomar

Manifesto MiñorNo día de hoxe, 12 de novembro, a Consellería de Sanidade respondeu, por fin, na Comisión de sanidade do Parlamento Galego e a través da Directora Xeral de Asuntos Económicos, á pregunta feita hai mes e medio pola deputada Chelo Martínez sobre a paralización das obras do novo centro de saúde de Gondomar que tanto inquieta á veciñanza do noso Concello.

Non saben que vai pasar

Pois ben, a resposta da Consellería vén a ser que, a día de hoxe, NON SABEN QUE VAI PASAR co novo centro de saúde do noso concello e que non teñen previsión de ningún tipo de cando vai ser rematado. Dende a Xunta informaron que tampouco poden facer nada a respecto da rescisión do contrato coa empresa adxudicataria por cuestións de tipo legal e contractuais. Pouco máis; nada concreto.

A única información de interese que deron foi que por parte da Consellería se lle impuxo unha multa de 40.000€ á empresa construtora (Corsán), pero tampouco aclararon se foi cobrada ou non.

Dende Manifesto Miñor imos insistir para que esta obra vaia adiante, pois ademais de ser necesaria, contar cun novo centro de saúde suporía ter un espazo de calidade para que os profesionais da sanidade poidan exercer en mellores condicións o seu traballo, o que constituiría un beneficio para toda a veciñanza de Gondomar.

En Gondomar, a 12 de Novembro de 2015.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro e vice-alcalde de Gondomar.

Novembro 12, 2015

Etiquetas: ,