Comunicado: Tanque de tormentas vs. pozo de bombeo

Manifesto Miñor[Comunicado do 24 de novembro de 2015 do Concelleiro de Urbanismo e Tenente de Alcalde do Concello de Gondomar sobre a reinicio das obras estación de bombeo a carón da Urbanización As Garzas, no centro da vila.]

Hoxe, o Goberno da  Xunta, a través de Augas de Galicia, o organismo autónomo que proxectou e contratou as obras do “Tanque de Tormentas”, volveu teimar no inicio das mesmas para a instalación do agora chamado “Pozo de Bombeo” a carón da Urbanización As Garzas, no centro da Vila de Gondomar.

A Xunta pretende violentar a vontade popular

A todas luces estamos diante dun pulso contra o novo goberno municipal saído do 24 de maio, ou mellor, diante dunha actitude prepotente por parte da Xunta que deste xeito pretende violentar a vontade popular e, sobre todo, o sentido común manifestado polo Goberno Municipal. Algo inaudito entre o que debería ser a leal cooperación entre Administracións.

Despois de cinco anos de oposición veciñal, así como de quen hoxe somos goberno en Gondomar, ao disparate que supoñen as devanditas obras, despois de ofrecerlle a Augas de Galicia  dúas localizacións alternativas perfectamente asumibles e válidas, agora resulta que se decatan que van perder unha subvención europea por non ter rematado as obras en tempo e forma. Nós non somos responsables diso!!!

Xa que logo, convén aclarar o seguinte:

Hipoteca de por vida

Levar adiante as obras (agora pozo de bombeo), a maiores da incorrecta localización, van supoñer unha hipoteca de por vida para o Concello de Gondomar (máis de 30.000€/ano entre consumo eléctrico, mantemento, baleirados, etc.

Tres estacións de bombeo

A veciñanza de Gondomar debe saber que non é unha estación de bombeo, SENÓN TRES: ademais da estación principal, situada a carón da Urbanización As Garzas, van instalar dúas secundarias (situadas unha na ponte de Mañufe e outra a medio camiño entre esa e a principal) QUE BOMBEAN CARA ARRIBA para despois volver a bombear dende o centro da Vila cara a depuradora. Onde está o sentido común?

Carece de licenza municipal

A construción da estación de bombeo carece de licenza municipal, pois o acordo plenario do ano 2010 (que todo indica que é nulo de pleno dereito) non lle dá cobertura, xa que daquela a licencia concedeuse para un tanque de tormentas que se ía construír nunha zona verde –así clasificada como resultado dun convenio urbanístico–, incompatible con semellante uso.

Accións de carácter  xudicial

Á vista dos informes emitidos hoxe mesmo polos servizos técnicos e xurídicos do Concello, o concelleiro de urbanismo ten convocada unha reunión urxente do goberno municipal para estudar o asunto e levar adiante todas as accións ás que haxa lugar, incluídas as de carácter  xudicial.

Porque non foi presentado aínda no Concello?

Por ultimo, cómpre poñer de manifesto diante da opinión pública que as obras que pretenden facer agora poderían tratarse dun novo proxecto e non dunha modificación do inicial, referido ao “Tanque de Tormentas”. Porque senón non foi presentado aínda no Concello? Non será para impedir que certifiquemos que efectivamente se trata dun proxecto diferente e, polo tanto, son necesarios unha nova licenza e/ou un novo acordo plenario?

Gondomar, a 24 de novembro de 2015.

Antonio Araúxo Quintas,

Concelleiro de Urbanismo.

Novembro 25, 2015

Etiquetas: ,