A seguridade viaria en Borreiros a Pleno: Paco Ferreira comparecerá, a petición de Manifesto Miñor, na vindeira sesión de febreiro para explicar as insuficientes actuacións previstas na estrada entre O Telleiro e A Esparela

O que nas vésperas dos pasados comicios municipais “era un feito”, até o punto de que se fixo un ante-proxecto con tres posibles alternativas, agora é inviable polo custe e polos retranqueos de “muros históricos”, polo que a veciñanza de Borreiros terá que se conformar cun remendo que non vai resolver nada. De feito, no treito de estrada n’A Esparela practicamente non se fai ningunha actuación, xusto onde o perigo é considerable e, curiosamente, onde non hai “muros históricos” que retranquear. 

A día de hoxe, e xa pasaron máis de dous anos, a veciñanza de Borreiros está agardando polo Sr. Alcalde para consensuar unha das tres alternativas que se recolle no devandito ante-proxecto. No canto diso, e como “castigo” por ter o atrevimento de se mobilizar reclamando algo xusto, vai facer un remendo cheo de lombos, uns cantos sinais verticais e entubar os regos que hai polas cunetas. Nin beirarrúas elevadas, para que a veciñanza poida camiñar polas beiras da estrada sen correr perigo, nin outras actuacións que serían moi necesarias.

A veciñanza de Borreiros ve con asombro como un proxecto de 2 millóns de Euros quedou reducido a 66 000 euros, sobre todo, cando o que se estivo reclamando nestes anos foi a redacción dun proxecto definitivo coa alternativa consensuada, e se for o caso, ir facendo as obras por fases. Pois ben,  para maior escarnio da parroquia de Borreiros o pasado Nadal o Sr. Alcalde anunciou a bombo e platillo obras cosméticas na veciña parroquia de Donas, na contorna da igrexa de Santa Baia Donas, por un importe inicial de 1,2 millóns de euros.

Se o Sr. Ferreira pensa que con este remendo vai enganar á veciñanza de Borreiros, está moi equivocado. Borreiros é unha parroquia na que a veciñanza se mobiliza e vai seguir reclamando unha berarrúas para poder transitar con seguridade. Dende logo, Manifesto Miñor vai seguir apoiando as xustas reivindicacións cidadás, xa sexan pola seguridade viaria ou pola falla de saneamento ou dos pozos contaminados sen agua pública, outras das problemáticas que tamén afectan á parroquia e que Paco Ferreira se nega a solucionar.

No vindeiro pleno de febreiro, que senón hai cambios será o xoves día 6, está prevista a comparecencia do Alcalde, a petición do grupo municipal de Manifesto Miñor, para explicar precisamente este asunto da seguridade viaria no vial entre o Telleiro e A Esparela. Pola nosa parte, só lle aconsellamos que aparte a idea da cabeza de ir ao pleno a vender fume.

En Gondomar, 30 de xaneiro de 2025.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Portavoz do G.M. de Manifesto Miñor.

Xaneiro 30, 2025

Etiquetas: , ,