Taxazo do lixo: unha oportunidade perdida para consensuar unha ordenanza fiscal xusta e acorde as necesidades de Gondomar

Martes, 4 de novembro de 2025.- Os servizos públicos, como a recollida do lixo, o saneamento, etc. hai que pagalos a través de taxas, impostos, etc. que permitan ás Administracións públicas garantir a calidade na súa prestación. Lamentablemente, esta non parece ser a situación actual da recollida de RSU en Gondomar, pois, como denunciamos en múltiples ocasións dende Manifesto Miñor, o servizo resulta precario e non fomenta a reciclaxe: o punto limpo esmorece e a súa xestión desde a última licitación resulta pouco transparente. De feito, hai tres anos denunciamos que a actual empresa adxudicataria cargaba nos camións de recollida ordinarios residuos do punto limpo, que requerían outro tratamento. Naquel momento, coma hoxe, dende Manifesto Miñor sempre nos posicionamos en contra do modelo SOGAMA, baseado na queima de toneladas de lixo na macroplanta de Cerceda e sancionado por Europa por sucesivos incumprimentos cos estándares europeos en materia de xestión de residuos.

Pois ben, no Pleno extraordinario celebrado no día de onte, don Paco Ferreira levou unha ordenanza fiscal para a recollida do lixo que contempla un incremento xeral de en torno ao 74% e elimina todas as bonificacións. Dende o noso grupo, advertimos que cumpría ter en conta a realidade social actual (familias monoparentais ou familias numerosas, familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade, persoas maiores que viven soas, persoas teñen composteiro adxudicado polo concello ou empregan de maneira asidua o punto limpo, etc.); de feito, a propia lei na que o señor Alcalde se apoia para xustificar este taxazo contempla as devanditas bonificacións no Artigo 11.4:

4. Las tasas o prestaciones patrimoniales de carácter público no tributario podrán tener en cuenta, entre otras, las particularidades siguientes:

a) La inclusión de sistemas para incentivar la recogida separada en viviendas de alquiler vacacional y similar.

b) La diferenciación o reducción en el supuesto de prácticas de compostaje doméstico o comunitario o de separación y recogida separada de materia orgánica compostable.

c) La diferenciación o reducción en el supuesto de participación en recogidas separadas para la posterior preparación para la reutilización y reciclado, por ejemplo en puntos limpios o en los puntos de entrega alternativos acordados por la entidad local.

d) La diferenciación o reducción para las personas y las unidades familiares en situación de riesgo de exclusión social.

Por outra banda, o Informe técnico-económico que acompaña a ordenanza fiscal que xustifica o taxazo so contempla o estado actual do servizo de recollida, sen ter en conta os incrementos posteriores que poden vir coa hipotética nova licitación que o Alcalde anunciou onte durante a sesión plenaria. Esta información, por suposto, non é coñecida neste momento polos concelleiros e polas concelleiras da oposición, pero si polo señor Ferreira, tal é como quedou demostrado durante a súa intervención. Que non lle extrañe a ninguén que, con esa nova licitación da que falou onte don Paco, volva a producirse un novo incremento do servizo de recollida de lixo. Hai moitas medidas, moitas delas xa apuntadas na propia Lei 7/2022, que poderían contribuír a rebaixar a taxa do lixo, que non están recollidas nin no Informe técnico-financeiro nin na propia ordenanza fiscal. Algunhas delas son as seguintes:

    Impulsar o punto limpo, coa finalidade de fomentar a reciclaxe e retirar do circuíto SOGAMA aínda máis toneladas de residuos.
    Impulsar a compostaxe. Lamentamos que os únicos composteiros comunitarios que se instalaron en Gondomar foron os que conseguiu colocar Antonio Araújo cando era concelleiro de Medio Ambiente, hai case 10 anos. Lamentamos tamén a actual política da Deputación de Pontevedra do Partido Popular sobre a compostaxe a retirada da liña e financiamento para a contratación de mestres e mestras composteirxs.
    Controlar dende o propio Concello o cobro dos recibos, sen ter que pasar polo ORAL, que, como é sabido, cobra unha porcentaxe por xestionar esta actividade.

En definitiva, para Manifesto Miñor a aprobación provisional do taxazo do lixo, grazas a quen o apoiou por activa ou por pasiva, supón unha oportunidade perdida para conseguir unha negociación real sobre a ordenanza fiscal, na que os grupos da oposición puidésemos ter unha participación activa á hora de facer propostas. Pola contra, o período de alegacións que se abre a partir de agora, baixo a falsa premisa de que se trata dun período de diálogo, implica que a iniciativa recae no propio Alcalde, que, ata o día de hoxe, rexeutou todas cantas alegacións se fixeron dende a oposicións, polo menos dende Manifesto Miñor, en cuestións importantes ou con incumprimentos flagrantes dos acordos alí onde se conseguiu o apoio. Por todo isto, o noso voceiro propuxo que se retirase o punto da orde do día e, durante esta semana, se negociase unha nova ordenanza fiscal máis xusta e de acordo coas necesidades da veciñanza de Gondomar.

Manifesto Miñor

 

Novembro 4, 2025

Etiquetas: , , ,