Sobre o Punto Limpo de Gondomar, unha infraestrutura moi necesaria

Punto Limpo de Gondomar

SOBRE O “PUNTO LIMPO” DE VINCIOS, SEN DEMAGOXIAS.

O Punto Limpo é unha ferramenta medioambiental necesaria nun concello

A principal  finalidade dun punto limpo debe ser a social e a medioambiental, é dicir, axudar a reciclar, a reutilizar e a reducir o lixo que producimos. Eses obxectivos cúmpreos con sobresaliente o noso punto limpo, e grazas a iso hoxe temos en Gondomar un medio ambiente máis limpo e unha veciñanza máis concienciada. Mais tamén produce un aforro económico cuantificable ao eliminar do “circuito Sogama” unha media de 400 Tm/ano, é dicir, uns  8000 €/ano con tendencia ao custe cero para as arcas municipais. Estas son as cousas que un gobernante responsable debería poñer en valor, no canto de facer damagoxia sobre os custes dun servizo tan importante… e xa non digamos cando se gastan os cartos públicos en beneficio propio.

A veciñanza debe saber como foi xestionada a construción do punto limpo de Vincios e a miña responsabilidade como Alcalde (2007-09) nese asunto, que non foi outra que evitar que se estragara unha infraestrutura xa construída e se perdera un servizo tan importante para Gondomar.

RESUMO DA CRONOLOXÍA DOS FEITOS:

1º.- O Pleno da Corporación Municipal, con data 6 de agosto de 2002, aproba cos votos a favor do PP-PSOE asinar un convenio coa Consellaría de Medio Ambiente para instalar en Gondomar un punto limpo.

2º.- O 21 de xaneiro de 2003, a Xunta de Goberno aproba o prego de condicións para o arrendamento dunha finca co obxecto de ubicar nela o punto limpo. Nese prego está recollido o custe do arrendamento por 12.000€/ano

3º.- O 8 de xullo de 2003 o alcalde C. Silva asina un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a creación dun punto limpo en Gondomar.

4º.- No ano 2004 o goberno municipal solicítalle á CCMM de Vincios a cesión dunha parcela de 2000m2, denominada “Regato dos Padróns”, situada n`A Pasaxe.

5.- O 7 de novembro de 2004, a asemblea da CCMM de Vincios, acorda cederlle a devandita finca ao Concello de Gondomar para a instalación nela do punto limpo cunha serie de condicións.

6.- O 11 de agosto de 2005, a Xunta de Galicia informa favorablemente a cesión acordada pola asamblea de comuneirxs da CCMM de Vincios.

7.- O 10 de maio de 2005, a Xunta de Galicia comunícalle ao Concello o inminente comezo das obras do punto limpo.

8º.- O 24 de outubro de 2005, rematadas as obras, a Xunta de Galicia recepciona o punto limpo e comunícalle ao Concello de Gondomar que a partires dese momento correspóndelle a el a súa xestión.

O Goberno do PP non asinou o convenio coa Comunidade de Montes; estaba nunha situación irregular

9º.-  O 22 de abril de 2007, a CCMM de Vincios presenta un escrito no Concello advertindo que hai unha obra municipal construida en terreos da súa propiedade sen mediar acordo de ningún tipo,  dándolle o prazo dun mes ao Concello para asinar un convenio ou, do contrario botan man da devandita obra.

Na súa calidade de Alcalde, Antonio Araújo, asina o convenio para regularizar o Punto Limpo

10º.- O 22 de agosto de 2007, sendo eu o alcalde, tócame por responsabilidade resolver o asunto asinando o convenio coa CCMM de Vincios dacordo co prego de condicións aprobado en XGL o 21 de xaneiro de 2003 e que seviu de guía de todo o proceso.

11º.- O 7 de maio de 2008 procedeuse  a asinar o contrato de explotación coa empresa que ata o día de hoxe xestiona o punto limpo.

Todo isto está perfectamente documentado por se alguén o quixer comprobar. Como di o aforismo popular: ONDE HAI PAPEIS, CALAN BARBAS!

Antonio Araújo Quintas,

Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Maio 11, 2018

Etiquetas: , ,