Propaganda do goberno municipal e da Xunta a conta do PXOM

Vista Concello Gondomar
  • A reunión entre a directora xeral de Ordenación del Territorio y Urbanismo, Encarna Rivas, e o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, é unha falta de respecto a oposición municipal e a toda a veciñanza de Gondomar, que leva máis dun ano sen información precisa sobre o estado de tramitación do PXOM. 
  • Dende Manifesto Miñor esiximos que se convoque a comisión do PXOM para que Don Paco Ferreira nos dea información.

Oxalá esteamos equivocadxs, pero esta visita con grande reportaxe fotográfica ten máis pinta de propaganda que dunha reunión de traballo para avanzar na elaboración do PXOM de Gondomar. U-lo os acordos desa xuntanza?. Ao Sr Ferreira debíalle faltar esta foto na colección.

Deixando atrás as vaguedades derecheo da nota de prensa oficial, di o Sr. Alcalde que foi unha “reunión técnica para consensuar…”. Dende cando as reunións entre políticos son reunións técnicas?. Na nosa opinión sería mellor deixar traballar aos técnicos da Xunta e ao equipo redactor, que, por certo, son excelentes profesionais, e, en todo caso, que o Goberno Municipal  traballe e se esforce en buscar o consenso social e coa veciñanza, así como con toda a Corporación Municipal para conseguir sacar adiante un PXOM asumido todxs. Así se fixo no ano 1997, onde o primeiro PXOM da Historia de Gondomar foi aprobado con 15 votos a favor e 2 en contra. 

Antes diso houbo centos de horas e  meses de traballo e, por suposto, moito debate social e político sobre o modelo de ordenación territorial que queriamos para Gondomar. O resultado dese esforzo foi un PXOM aceptado maioritariamente pola cidadanía e que marcou as liñas mestras do que hoxe somos e que para nós teñen plena vixencia. Daquela delimitáranse uns núcleos rurais amplos e racionais, protexéranse importantes espazos naturais como as ribeiras dos ríos, a Serra do Galiñeiro, a Fraga da Oliveira… ou evitaramos os excesos de alturas na Vila, limitándoas a tres. O crecemento urbanístico foi acompañado pola cesión de miles de metros cadrados de espazos verdes e públicos que hoxe fan do noso Concello en xeral, e da Vila de Gondomar en particular, un espazo reconciliado cos ríos que a atravesan (o Miñor e o Zamáns), chea de parques, zonas deportivas, etc.,  que son o resultado dese modelo urbanístco pensado e consensuado entre tod@s. O esquema político é moi sinxelo: se alguén obtén a través dos votos dos representantes públicos unha importante plusvalía nas súas propiedades, ten que compartir proporcionalmente eses beneficios coa cidadanía en forma de cesións. Pero isto tan obvio non sempre está na cabeza ou no ideario de determinados políticos.

Veremos se o Sr. Ferreira e o PSOE saben estar á altura das circunstancias e non  pretenden impoñer o seu modelo de PXOM como están facendo sistematicamente con todo o que atinxe á política municipal. Por agora case a metade da Corporación Municipal descoñecemos todo o que se está facendo sobre o PXOM. A información que temos é exclusivamente a través dos medios de comunición, pois leva máis dun ano sen xuntar a comisión de seguimento do PXOM malia llo ter solicitado os diferentes partidos da oposión.

En Gondomar, a 11 de xuño de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas

Voceiro municipal de MM.

Xuño 12, 2021