Programa electoral de Manifesto Miñor – En Marea Baiona
Manifesto Miñor somos unha candidatura de unidade veciñal integrada nun movemento máis amplo asembleario e plural, que abrangue a Comarca natural do Val Miñor. Nacemos como consecuencia da insatisfacción e desconfianza que o actual panorama político nos ofrece. Nacemos dende a base da sociedade e co obxectivo de contribuír á rebelión cívica e democrática, e para poñer as institucións ao servizo da cidadanía: baixo o seu control participado, apoiándose nas ferramentas necesarias para combater a desigualdade e para axudar a construír uns concellos e un País distintos.
Asemade queremos trasladar ao nivel institucional municipal os valores dunha Comarca tamén plural e heteroxénea, de carácter aberto, avanzado, solidario, tolerante e igualitario, en contra do modelo dominante de concellos dirixidos por unha minoría que goberna para se enriquecer e servir aos seus propios intereses.
Por todo isto, queremos compartir con toda a veciñanza de Baiona as nosas propostas para a vindeira lexislatura, para un concello participativo e no que a opinión da cidadanía conte.