Paco Ferreira cobrou dietas por desprazamentos a reunións ás que non asistiu

O alcalde de Gondomar cobrou dietas por reunións ás que non asistiu segundo  figura nas actas de asistencia.

Juan Francisco Ferreira non aparece como asistente nas actas das reunións do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 14), celebradas os días 22/06/2016, 16/03/2017 e 7/09/2017; as dúas primeiras reunións tiveron lugar en Mos e a terceira en Tui. A pesar de que non figurar como asistente, pasou dietas ao Concello de Gondomar polo desprazamento a estas reunións. No pleno ordinario de novembro, foi requirido polo concelleiro do Manifesto Miñor, para que contestase se cobrou dietas por reunións ás que no asistiu, mais non tivo a valentía política de dar resposta as preguntas, para recoñecelo ou para negalo.

Nese mesmo pleno tamén foi requirido para devolver as dietas indebidamente cobradas por quilometraxes internas no concello, que mensualmente se sitúan nun abano de entre 1000 e 1500km mensuais.  No momento da votación, no canto de absterse, como persoa con intereses particulares nunha decisión que o beneficia economicamente, votou de xeito indebido e, por tanto, de xeito irregular.

De pouco lle sirve a D. Juan Francisco Ferreira que a Fiscalía da área de Vigo asegurase que non se tiñan cumprido todos os requisitos e formalidades esixidas pola lei para o cobro desas dietas,  aínda que considerase que non tiñan relevancia penal, ou que el mesmo argumentase no seu favor perante a Fiscalía que coa compra dun coche “oficial” para facer eses desprazamentos resolvíase o asunto definitivamente. Á vista dos feitos queda claro que estaba enganando deliberadamente á Fiscalía.

Tamén fai caso omiso dos informes da Intervención Municipal que lle indican que non pode cobrar dietas por desprazamentos dentro do propio municipio.  A interventora do noso Concello asegura que “os gastos por locomoción presentados por Juan Francisco Ferreira González non se consideran suficientemente xustificados, conforme establece o RD 462/2002, ao engadir 1000 quilómetros itinerantes dentro do Concello, cantidade calculada “ao chou” e non xustificada, cuestión relevante para emitir este informe de fiscalización ao efecto de verificar se se trata de servizos con dereito a indemnización, tal e como establecido o RD 462/2002 e a Base 25 e 27 do Orzamento do Concello, tendo en conta ademais que a Base 27 do Orzamento referida a cargos electos unicamente fai referencia a desprazamentos fóra do termo municipal”.

Todo o indebidamente cobrado ten que ser devolto ás arcas municipais.

O Alcalde volveu auto-autorizarse o cobro de quilometraxes (1000Km/mes) malia ter “coche oficial”.

 

Desde marzo de 2018, tras a advertencia por escrito de Manifesto Miñor, o Alcalde abstívose de pasar novas quilometraxes. Agora, co prace da Fiscalía (pensa el) dá renda solta a súa voracidade económica retomando o cobro de dietas dende o mes de setembro. A partir deste mes volveu presentar, auto-autorizándose, novas quilometraxes (1000-1500km/mes)  que non están nin xustificadas, nin detalladas, nin amparadas pola Intervención Municipal.

Con todo, o máis incompresible é a burla á Corporación Municipal e ao conxunto da cidadanía de Gondomar por parte do Sr. Ferreira, todo vez que este señor dende o mes de xuño dispón dun coche municipal ao seu servizo no que os custos de combustible, mantemento, etc. son cargados ás contas públicas.

Este tipo de decisións do Sr. Alcalde (que xa pretendeu subir o salario hai dous anos por fóra do pactado), fannos pensar que estamos diante de alguén que non mira polos intereses públicos, senón de alguén que cre estar por riba da lei, de alguén que moi ben podería apropiarse da célebre frase pronunciada por Luis XIV “ O Estado son eu”.

Gondomar, 28 de novembro de 2018

Xosé Antón Araúxo Rodríguez,

Concelleiro de Manifesto Miñor

Novembro 29, 2018

Etiquetas: , ,