Paco Ferreira apúntase á moda de eliminar ás árbores dos espazos urbanos
Despois da saída ao balcón da Casa Peralba de Don Paco Ferreira coma se dun “amado líder” de terceira división se tratase, agora sorpréndenos coa toma e posesión do inmoble, coma se fose unha conquista militar. E así o fixo talando sen compaixón todas as árbores que rodeaban a mesma, algunhas delas probablemente centenarias -pois a casa data de 1919-, como é o caso de varios camelios ou dun cedro que tiña o aspecto de ser un Cedro do Atlas. Se cadra foi por vinganza, pois algunhas destas vítimas arborescentes impedíronlle ao Sr. Alcalde lucir na foto do balcón en todo o seu esplendor. Don Paco Ferreira, por se alguén tiña dúbidas, comeza a se nos mostrar sen ningún pudor coma un alcalde-cacique dos de toda a vida, poñendo a Administración Municipal ao servizo dos seus intereses persoais e electorais sen lle importar nada máis. E por riba pretende imitar ao seu colega de partido, o Alcalde de Vigo, que tamén lle chega ben á hora de suprimir árbores urbanos.
O Sr. Ferreira xa tiña experiencia nestes labores arboricidas, pois non hai máis que ver os dous magnolios case centenarios que había na Praza da Paradela, maltratados até que secaron; para “compensar”, plantou no seu lugar dúas árbores de grande porte, das cales unha xa secou e a outra vai polo mesmo camiño. Velaí a sensibilidade deste señor que despois se lle enche a boca á hora de falar de humanizacións. Acaso hai algo máis humanizador do espazo urbano que as árbores? Isto aínda non o entendeu o Sr. Ferreira.
Pois ben, dende Manifesto Miñor pediremos explicacións, tanto ao Alcalde como ao ao Concelleiro de Medio Ambiente no vindeiro pleno do mes de setembro.
En Gondomar, a 6 de agosto de 2021.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro de Manifesto Miñor.