O señor Ferreira volve ignorar as demandas das parroquias (saneamento, limpeza, arranxos de camiños, auga pública) e anuncia a construcción dun “pipicán” e dun parque de skate por importe de 152 000 euros

  • O Alcalde de Fondomar ignora as necesidades básicas das parroquias e con aires de “novo rico” anuncia a  construción dun  “pipicán” que custa 85 000 euros e unha pista de skate de 67 000 euros no centro da vila, a maiores, estragando dous parques públicos.

 

Paco Ferreira segue instalado na política de campanario: propaganda e  venda de  fume como se Gondomar fose un concello rico con todas as necesidades básicas cubertas.

O Sr. Alcalde ignora, burlándose da veciñanza, que estamos no medio dunha Pandemia que non se lembra en cen anos e dunha crise económica e social que está precarizando a centos dxs nosxs veciñxs. Moitas persoas van tirando grazas ao apoio das redes familiares, ás axudas da emerxencia social ou directamente da caridade que lle ofrecen algunhas ONGs.

Do mesmo xeito, o curso escolar vai comezar con centos de nenxs que se verán atrapados pola fenda dixital ou pola carencia das ferramentas dixitais necesarias para un ensino telemático, ou o apoio ao mesmo, axeitado. Cos 152 000 euros que van custar o “pipicán” e a pista de skate, daría para cubrir as necesidades do alumnado de Gondomar da falla desas ferramentas: tablets, ordenadores ou outro tipo de dispositivos. Ao mesmo tempo, cómpre implementar a fibra óptica nas parroquias (tamén onde non se ten previsto facelo), xa que, sen unha conexión digna, de nada valen os medios infirmáticos. A conexión precaria de 4G que actualmente temos en moitos puntos de Gondomar non está a resolver as necesidades das nosas veciñas e veciños; ten caidas inesperadas e non soporta ben videoconferencias, medio necesario para a comunicación de persoas traballadoras, mestrxs e profesorxs, alumnxs, empresarixs, etc.

Obviamente, con 152 000 euros tamén sería suficiente para levar (ou, cando menos, para iniciar) o saneamento a moitos barrios das parroquias de Gondomar que en pleno século XXI carecen deste servizo: Zapa (Chaín), O Pereiro (Donas), Couso, ou mesmo o Barrio da Pedra en Morgadáns. Tamén,  serían cartos moi necesarios para arranxar camiños ou levar a auga pública a outros lugares do concello a onde aínda non chega este servizo básico.

Un centro de día no Concello de Gondomar, que dende Manifesto Miñor, cando Rocío Cambra era concelleira de Benestar Social, itentamos impulsar, contribuiría a mellorar a calidade de vida de moitas veciñas que, nestes momentos, teñen que facerse cargo de persoas dependentes. A pandemia, e a crise que está por vir, deixou, e vai deixar, a moitas persoas desempregadas no noso Concello e, polo tanto, sen recursos para atender de maneira suficiente as necesidades das persoas con algunha discapacidade ou dependentes. Cos 152 000 ben podería o señor Ferreira impulsar o centro de día. É urxente e necesario.

Estas son so algunhas ideas que, dende Manifesto Miñor, propoñemos para facer un investimento tan elevado; porén, hai moitas máis: conservación e defensa do patrimonio, mellorar o Punto Limpo para garantir unha mellora do servizo de recollida de RSU, desenvolver programas de emprego serios para as persoas en situación de emerxencia social, etc.

Gondomar non é New York ou París, onde son necesarios este tipo de espazos para as mascostas; ben ao contrario, por sorte estamos rodeados de montes, ríos, etc. (en definitiva, espazos naturais) para levar os animais sen causar molestias a ninguén. Gastar 152 000 nun “Pipicán” e nunha pista de Skate (xa temos unha), ademais de estragar dous parques público (o da Coelleira cun pegote de formigón e un futuro parque no espazo verde onde a Xunta de Galicia teimaba en colocar un “tanque de tormentas” co “pipicán”), é un insulto á intelixencia e unha burla ás persoas que están a demandar cuestións de maior urxencia.

Por último, e tamén fundamental para entender a forma de actuar do señor Alcalde e do seu grupo de goberno, os dous proxectos presentáronse sen consultar con asociacións (protectoras de animais, colectivos que practican skate, asociacións deportivas, etc.), veciñxs e grupos políticos, para intentar chegar a consensos e distribuír eses fondos da Deputación dun xeito eficiente e razoable. Gastar 152 000 euros en dous proxectos que non son do agrado das protectoras de animais nin das persoas que practican skate resulta vergoñento.   

Dende “Manifesto Miñor” esiximos do Goberno Local do Sr. Fereira que deixen a propaganda para outra ocasión e que invistan eses cartos en emerxencia social: comedores escolares, material informático para o alumnado con menos recursos e en saneamento e auga pública nas parroquias.

En Gondomar, a 9 de setembro de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

 

Setembro 9, 2020

Etiquetas: , , , ,