O goberno municipal en minoría leva a Gondomar a unha deriva antidemocrática
Don Paco Ferreira, incapaz de chegar a acordos, no consegue aprobar gran parte das propostas de organización do Concello.
A mediados do mes de xullo, Gondomar volveu ás primeiras páxinas dos xornais pola aprobación, por decreto do señor Ferreira e furtándolle a atribución ao Pleno, dos salarios do propio Alcalde e das súas cinco compañeiras e compañeiros que van cobrar dedicacións exclusivas ou parciais. Pois ben, dende Manifesto Miñor denunciamos o xeito de proceder, profundamente antidemocrático, dun Alcalde que, malia o resultado do pasado 28 de maio, segue pensando que ten maioría absoluta.
No Pleno de organización, celebrado no día de hoxe (o último día legalmente permitido, un luns 31 de agosto no que a maioría da veciñanza estará voltando ou comezando as vacacións), don Paco Ferreira volve dar mostra da súa soberbia e incapacidade para o diálogo e para chegar a acordos cos grupos da oposición. Nesta liña, o Alcalde trouxo varias propostas, fundamentais para a organización do Concello, como a periodicidade e horario dos plenos, xs representantes de Gondomar na Mancomunidade do Val de Miñor ou as atribucións plenarias, sen consenso de ningún tipo. Xa que logo, todas estas propostas foron emendadas polos grupos da oposición e quedou patente que as cousas se lle presentan difíciles ao actual goberno municipal, pois o Alcalde tivo que pedir varios recesos ao longo do pleno para estudar os documentos presentados pola oposición. Pensou don Paco, e equivocouse, que a oposición ía vir aos Plenos cos deberes sen facer e coas propostas sen traballar, aínda que a data fose posta á mantenta para dificultar ou impedir que a oposición puidese realizar o seu traballo.
O que se apreciou esta mañá no salón de Plenos de Gondomar foi a soidade dun goberno municipal incapaz de xestionar nada, que fuxe do diálogo e do acordo e, sobre todo, a prepotencia dun Alcalde que, novamente, demostra que non é consciente de que está en minoría. As mostras de soberbia cara os grupos da oposición foron constante, impedindo que se expresasen, manipulando as súas palabras con constantes acusacións de que a oposición só quere cobrar, interrompendo constantemente xs concelleirxs que estaban no uso da palabra e desprezando as súas propostas.
Manifesto Miñor volve a Mancomunidade do Val de Miñor.
Pois ben, fóra do barullo que quixo impoñer o Alcalde no transcurso da sesión plenaria, con constantes recesos, faltas de respecto e interrupcións, dende a oposición conseguimos aprobar os seguintes asuntos:
- Periodicidade e horario dos plenos: realizaranse o primeiro xoves de cada mes ás 19 horas, excepto no mes de xaneiro, que se desenvolverá o segundo xoves, e en agosto, que terá lugar o último xoves do mes de xullo. Ademais, esiximos o cumprimento escrupuloso deste acordo e, polo tanto, non imos permitir que don Paco Ferreira se salte plenos, como leva facendo durante os últimos 8 anos.
- Atribucións do pleno: impedimos que o actual goberno, en minoría, lle furtase competencias ao pleno, como a aprobación de proxectos importantes para Gondomar ou a solicitude de subvencións.
- Representantes na Mancomunidade de Vigo e do Val de Miñor: conseguimos que todos os grupos da Corporación estean representados na Mancomunidade de Vigo e do Val de Miñor. Para Manifesto Miñor, esta foi unha loita constante na pasada lexislatura, pois os gobernos socialistas da comarca levaron a Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor a unha situación límite, cun conflito no GES que aínda está por solucionar, con servizos moi deficitarios, como a piscina mancomunada, etc. Por iso, alegrámonos de ter conseguido novamente representación na Mancomunidade do Val de Miñor, dende onde imos levar a cabo todas cantas iniciativas sexan necesarias para reactivar este organismo e dotar de recursos os servizos que xestiona.
Manifesto Miñor e todos os grupos da oposición levantáronse ante a imposibilidade de debater sobre cuestións básicas, como os salarios do goberno.
Na última parte do Pleno, onde o Alcalde só se ía limitar a dar conta dos decretos da Alcaldía, entre eles, o decreto polo que se asignaban os salarios do propio Ferreira e dxs compañeirxs do seu goberno con dedicacións exclusivas ou parciais, a oposicion levantouse e deixou a don Paco facer o seu espectáculo antidemocrático. Dende Manifesto Miñor, xa levamos á fiscalía este asunto e estamos á espera de contestación, pois como xa indicamos estas resolucións de Alcaldía asinadas por don Paco Ferreira carecen dos informes preceptivos da Secretaria Xeral do Concello e da Intervención Municipal. Por suposto o desprezo pola Corporación Municipal e polas máis elementais formas democráticas non ten parangón.
En Gondomar, 31 de xullo de 2023.
Manifesto Miñor