Manifesto Miñor leva ao vindeiro pleno a aprobación definitiva da Ordenanza de Participación Cidadá do Concello de Gondomar

participación ciudadana

Para Manifesto Miñor, a democracia participativa é unha parte fundamental do noso ideario e da nosa praxe política, pois entendemos que a veciñanza ten dereito a intervir de xeito activo e propositivo na vida pública municipal a maiores de votar cada catro anos polas concelleiras e concelleiros presentes na Corporación Municipal. É dicir, a democracia representativa non é un cheque en branco que a cidadanía nos dá cada catro anos canda os comicios muncipais pra despois esquecerse daquelas preocupacións dos nosos veciños e veciñas. Foi por iso que os lexisladores en diferentes leis decidiron corrixir ese feito abrindo a posibilidade á participación cidadá na política municipal naquelas cuestións ou asuntos de interese da veciñanza.

Pois ben, no ano 2016 cando o tripartito muncipal iniciárase o proceso de aprobación dun regulamento de participación cidadá co obxecto de lle dar cumprimento ao que era, e segue a ser, unha demanda veciñal a maiores dun compromiso político de todas as forzas representadas na Corporación Municipal de Gondomar, en maior ou menor medida acadando un importante consenso social e político, como se reflicte no texto definitivo que quedou a un trámite da súa aprobación definitiva despois da súa aprobación inicial, publicación no BOPPO nº195 de 11/10/2016, e incorporación da maioría das alegacións presentadas no período de exposición pública, tanto polo movemento veciñal, como polos grupos políticos representados na Corporación.

Velaí os ANTECEDENTES que se axuntan á presente moción:

1º.- Aprobación inicial Ordenanza municipal de participación cidadá 32/2016 mediante acordo plenario de  data 20 de setembro de 2016.

2º.- Publicación da aprobación inicial no Boletín Oficial da Provincia de data 11 de outubro de 2016.

3º.- Durante o período de exposición ao público do acordo de aprobación inicial da ordenanza municipal de participación cidadá foron presentadas as seguintes alegacións:

  1. a) En data 15/11/16, foron presentadas as do Grupo Municipal do Partido Popular.
  2. b) En data 17/11/2016, foron presentadas as  do Grupo Municipal Iniciativa por Gondomar.
  3. d) En data 17/11/2016, foron presentadas as do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto.
  4. d) En data 17/11/2016, foron presentadas as da Coordinadora de Entidades Veciñais.

Asemade o concelleiro de Participación Cidadá, Transparencia, Emprego, Turismo e Dinamización Económica, D. Xosé Antón Araúxo Rodríguez, introduciu algunhas propostas de redacción, correccións ortográficas e de estilo para unha mellor comprensión.

Dádo que o proceso da tramitación foi realizado dacordo coa legalidade vixente, que a día de hoxe segue en vigor, e non habendo cambios na mesma nin no documento que se somete a aprobación definitiva que fagan a proposta incompatible co ordenamento xurídico, e dádo tamén que conta co informe favorable da Secretaría Xeral do Concello realizado no seu día, propoñésmoslle ao Pleno os seguintes ACORDOS:

1º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA APROBAR DEFINITIVAMENTE a presente Ordenanza Municipal de Participación Cidadá segundo o texto e antecedentes presentados no seu día coas alegacións incorporadas que se dixeron, texto que se acompaña asinado polo concelleiro de área o 27 de febreiro de 2017.

2º.- Acorda facultar ao Sr. Alcalde para que proceda a súa tramitación: envío para a súa publicación no BOPPO, etc., dentro do prazo máximo dun mes.

3º.- Unha vez aprobada definitivamente e publicada, será posta en coñecemento público e remitida ás entidades veciñais e sociais inscritas no rexistro municipal existente a tal efecto.

Dende MM estamos convencidos que esta proposta vai contar cos consensos necesarios para ser aprobada, mesmo crémos que sairá adiante por unanimidade, pois é recoñecer e ampliar os dereitos que os cidadáns teñen, tanto a título individual como de maneira organizada, a través de vizosa  rede veciñal que Gondomar ten e á tanto lle debe a Institución Municipal.

En Gondomar, a 11 de setembro de 2023.

Asdo. : Antonio Araújo Quintas.

 

Setembro 13, 2023

Etiquetas: ,