O Goberno municipal do PSOE e Paco Ferreira “planifican”a morte gradual da Vila de Gondomar

Diante da nova que hoxe publican diferentes medios de comunicación e compartida polas redes sociais, segundo a cal o Alcalde de Gondomar e seu goberno están redactando un proxecto de peonalización da Praza de Rosalía de Castro, dende Manifesto Miñor queremos facer pública a nosa opinión ao respecto e a nosa preocupación, pois unha vez máis vemos como o Señor Ferreira impón o seu criterio desprezando o máis elemental e mínimo diálogo cos posíbeis comercios e persoas afectadas (e xa non digamos cos grupos da oposición). Non consideramos que se trate dun problema menor pois estamos a falar dunha zona complexa e, neste momento de inseguridades sociais e económicas, calquera fallo pode ter consecuencias nefastas e irreversibles para ducias de postos de traballo e de familias enteiras, comezando pola propia Praza de Abastos que non acaba de levantar cabeza malia ás promesas do Sr. Ferreira.

 

A nova ten toda a pinta de ser un “globo sonda” do Sr. Alcalde, que non ten a valentía política de lle dicir aos veciños e ás veciñas que vai pechar a Vila de Gondomar e convertela nunha vila morta; moi bonita, si, pero morta. Con todo, agora xa di unha verdade: que a Praza da Paredela quedou como un espazo moi hostil e duro. Iso dixémosllo algúns dende o principio pero, segundo el a nosa opinión era froito da envexa. Daquela, trataríase de non cometer agora os mesmos erros e escoitar ás persoas que temos algo que dicir ao respecto.

 

 Con este proxecto que anuncia Don Paco Ferreira deixa ás claras dúas cousas: A primeira, que só pensa en si mesmo e nos vídeos e nas fotos que as inauguracións de “grandes obras” lles van proporcionar (a iso chámaselle MEGALOMANÍA); e, segunda, que ao Sr. Alcalde o consenso coa veciñanza, cxs comerciantes, cos grupos da oposición, etc., prodúcelle alerxia. Para el só valen as súas propostas e todo o demais non serve para nada.

 

Falando do proxecto que anuncia nos medios, e que haberá que analizar con detalle cando nolo deixe ver (porque a transparencia non é virtude que practique o Sr. Ferreira),  hai varias cousas que chaman a atención. O primeiro de todo é que o Sr. Alcalde debería saber é que a Praza de Rosalía de Castro é zona máis comercial da Vila, incluíndo nese espazo á propia Praza de Abastos. Hai comercios e tendas de todo tipo, locais de hostalería, bares, etc. En segundo lugar, os edificios que a delimitan carecen todos de aparcamento soterrado. Por último, a solución da que fala para o tránsito rodado, levándoo pola beira do Río Zamáns, ademais de eliminar máis prazas de aparcamento, non é nin funcional nin mediomabientalmente presentable.

 

En resumo, o que nos propón Don Paco Ferreira é pechar definitivamente o centro da Vila de Gondomar á vida comercial e, polo tanto, á relación entre as persoas. Ao final teremos unha Vila dormitorio e, cando queiramos mercar, saír de compras ou de tapas, non quedará outra que irmos a Baiona ou  ás grandes áreas comerciais de Porto do Molle en Nigrán, etc.. INSISTIMOS: Sr. Ferreira, primeiro DIÁLOGO CON VECIÑOS, COMERCIANTES, TÉCNICOS E GRUPOS DA OPOSICIÓN e segundo ver os modelos de vilas peonís que existen e funcionan perfectamente noutros lugares preto de nós como Valença, Vila Nova de Cerveira, etc.

Xs veciñxs, comerciantes, autónomxs, etc. da Vila de Gondomar temos que falar xa.

 

En breve “Manifesto Miñor” fará a convocatoria a comerciantes e veciñ@s que nos sintamos afectados, para debater e poñer en común un postura ao respecto que evite a morte anunciada á que nos leva o Sr. Alcalde e seu goberno municipal.

 

En Gondomar, a 30 de abril de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Abril 30, 2021

Etiquetas: ,