O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o seu goberno ignoran e desprezan o rural e as parroquias do concello
Dende Manifesto Miñor queremos chamar a atención sobre a maneira de practicar a política que nos últimos anos o goberno municipal do Sr. Ferreira e do PSOE exercen ignorando ou ninguneando ás parroquias e ao rural en xeral. Como moito só atenden os seus intereses clientelares obviando calquera tipo de planificación a medio prazo, e xa non digamos a súa actitude de negarse a dialogar co movemento veciñal ou social organizado das mesmas. Semellante actitude está a xerar malestar e indignación na veciñanza das parroquias que ven como os concelleirxs das mesmas que prometeron defendelas non abren nin a boca limitándose a obedecer ao Sr. Ferreira que para iso “lle paga” as dedicacións exclusivas.
Velaquí dous exemplos:
1º.- Onte en Baiona presentouse a campaña EURURAL (promovida polo GDR-AGADER) de apoio aos produtorxs, transformadorxs, etc que traballan, crean ou producen no noso rural produtos de proximidade, sustentables, de calidade, etc., etc. Alí estaban todos os alcaldes e alcaldesas da Comarca, menos Don Paco Ferreira ou a Concelleira de Comercio. Tan pouco lle interesa a este goberno municipal o rural de Gondomar e as cousas de moitísima calidade que nel se producen? Ou será que descoñecen os traballos de moitas persoas que cría, produce e vende nas parroquias de Gondomar? Os primeiros sorprendidos por esa ausencia foron as persoas de Gondomar que alí estaban defendendo as súas iniciativas. Cada día que pasa está máis claro o modelo de Municipio e de Vila que ten na cabeza o goberno municipal do Sr. Ferreira: un concello dormitorio ao servizo da especulación, e claro, sóbranlle emprendedorxs, comerciantes, emprendedorxs de servizos, agriculturxs, etc.
2º.- Este ano as festas do S. Bieito de Gondomar foron organizadas polo Concello e pagadas con cartos de todos os contribuíntes do municipio… E agora o Alcalde négalle a contratación dunha banda de música aos veciños de Couso para a festa do San Cristovo (para a procesión e dar un concerto) porque seica non hai presuposto, e dilles que vaian pedir á Deputación. Está claro que para o Sr. Alcalde hai veciñxs de primeira e veciñxs de segunda. Pois ben, OU SE PAGAN AS FESTAS DE TODAS AS PARROQUIAS, OU NON SE PAGA NINGUNHA!
Poderíamos seguir con máis exemplos de desleixo ou de promesas incumpridas, pero abonda con esta mostra.
Dende MM pediremos explicacións sobre todo isto no vindeiro Pleno sen descartar a posibilidade de presentar unha iniciativa ao respecto.
En Gondomar, a 21 de xullo de 2021.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro de MM-Gondomar