O Alcalde de Gondomar mentiulle ao Pleno da Corporación Municipal de Gondomar sobre a humanización da Praza Rosalía de Castro e a súa contorna
Se ben é certo que o Sr. Ferreira leva anos usando sistematicamente a propaganda e a mentira como estratexia política, cando non a calumnia, para desprestixiar á oposición municipal e facer valer en público as súas propostas, facelo agora en sede plenaria é subir un chanzo moi perigoso que só se explica pola desesperación derivada da súa incapacidade, e do grupo de goberno con 7 dedicacións eclusivas, para xestionar con visión de futuro o noso concello. Xestionar un Concello non é investir os cartos que a Deputación lle garante anualmente alí onde máis favorece os seus intereses persoais ou partidarios co obxecto de crear unha rede clientelar como nunca antes houbo en Gondomar.
No debate producido no pleno do pasado xoves, 3 de xuño, a respecto da moción presentada por Manifesto Miñor sobre as posibeis consecuencias da humanización da Praza de Rosalía de Castro, o Sr. Ferreira mentiulle á Corporación Municipal como nunca antes o fixera un alcalde de Gondomar. Dixo sen ningún tipo de rubor e amparándose na ocultación de información que tanto practica o actual goberno municipal, que non ía renunciar ao MILLÓN DE EUROS do “Plan AGORA” que xestiona a Deputación Provincial, cos que pensa realizar as devanditas obras de humanización. Dixo tamén que non daba tempo a debater nada cos veciños da zona, porque eran proxectos que non admiten demora.
Pois ben, coñecidas nese pleno as intencións do Alcalde e a fonte de finanzamento para semellante proxecto, podemos afirmar sen ningún tipo de dúbida (tal como reza nas bases publicadas no BOPP o 24 de febreiro de 2021), que D. Paco Ferreira MENTIUNOS con total impunidade e aleivosía. Vexamos:
1º.- Dado que as bases foron publicadas no BOP de Pontevedar o 24 de febreiro de 2021 e tendo en conta que o proxecto aínda non foi presentado, houbo tempo abondo pra falar cos comerciantes e veciñxs da zona pero, coma sempre, o señor Ferreira exhibiu a súa nula vontande de diálogo.
2º.- As devanditas bases falan de dous eixes de actuación: o primeiro, unha subvención a redacción do proxecto do 90% do custo total ata un máximo de 50 000€; e o segundo eixe, unha subvención para as obras dun 20% ata un máximo de 100 000€.
En resumo, no mellor dos casos, e supoñendo que o Sr. Ferreira siga empeñado en gastar UN MILLÓN de euros na chamada humanización da Praza de Rosalía de Castro, o Concello só recibiría 150 000€; onresto, 850 mil euros, tería que poñelo o Concello. Vaia negocio para Gondomar, Sr. Ferreira!
Dende Manifesto Miñor insistimos en que é preciso dialogar coas partes afectadas polo proxecto, pero, sobre todo, cremos imprescindible abrir un debate de futuro entre a Corporación Municipal, os axentes sociais, técnicos, etc., sobre o modelo de Vila e de Concello que queremos a 25 ou 30 anos vista. Nós poñemos enriba da mesa a necesidade dun paseo fluvial pola beira do Río Miñor até A Ramallosa, a aprobación dun PXOM consensuado, levar o saneamento a todas as parroquias sen demora, converter a estrada d´A Ramallosa nunha vía urbana: carril bici, beirarrúas… Lamentablemente dubidamos da capacidade do goberno actual, que malia ter unha maioría absoluta folgada, a día de hoxe non foi quen de traer os Orzamentos Municipais a pleno.
En Gondomar, a 7 de xuño de 2021.
Asdo.: Antonio Araújo Quintas. Voceiro Municipal de MM.