O Alcalde de Gondomar mantén intencionadamente a inseguridade na praza de abastos de Gondomar

No vindeiro Pleno de Outubro, o señor Alcalde vai ter que dar resposta, sen reviravoltas e falando claro, aos praceiros e ás praceiras que levan máis dun ano a que se formalice a concesión dos postos da praza de abastos. Dende Manifesto Miñor, non comprendemos que Paco Ferreira manteña en situación de precariedade a praza de Gondomar.
 
Resulta sospeitoso que un expediente tan longo e resolto contundentemente por medio do Auto de 22 de xaneiro de 2020 do Xulgado do Contencioso/Administrativo nº 1 de Vigo (procedemento EJD EXECUCION DEFINITIVA 0000018/2019 PROCEDEMENTO ABREVIADO 0000270 / 2018), estea sen resolver a día de hoxe. Os postos da praza de abastos seguen sen adxudicar formalmente, coa entrega de cadansúa concesión. 
 
Nos tempos tan complicados que vive o pequeno comercio local da Vila de Gondomar e da praza de Abastos, resulta unha burla por parte do goberno municipal este tipo de actitudes, creándolle ás comerciantes unha intranquilidade engadida e un problema de legalidade aos seus negocios. Axudas cero, atrancos todos! Esa é a política para o comercio local do señor Ferreira.
 
Por último, lamentamos que volva a faltar á verdade, enganando ás persoas praceiras nos medios de comunicación cando anuncia que:  “Retrasamos las concesiones para facilitar la reordenación de los puestos, para que non tuvieran que moverse a causa de las obras recien instalados”. É dicir, está recoñecendo que vai cambiar de sitio (impoñer) os potos sen ter en conta as adxudicacións saídas dun concurso público, nin a opinión das persoas implicadas. É isto posible legalmente? Está claro que ese o motivo polo que non quere entregar as concesións.
 
Manifesto Miñor
Gondomar, 19 de setembro 2021.
Setembro 19, 2021

Etiquetas: ,