Manifesto Miñor teima na necesidade dunha área de autocaravanas en Gondomar para promocionar o concello como destino turístico e dinamizar a economía local

Dende Manifesto Miñor, volvemos a insistir novamente na necesidade da creación dunha área de autocaravanas en Gondomar. A última foi en maio de 2024, pero levamos reclamando do señor Ferreira o acondicionamento dunha zona de estacionamento para este tipo de vehículos polo polo beneficioso, a todos os niveis, que un espazo público deste tipo tería para a economía local e para o propio coñecemento global de Gondomar. Sería poñer o noso Concello no GPS de máis de 15 millóns de autocaravanistas de toda Europa sen campañas ou custes publicitarios de ningún tipo.

Dende logo, a inacción do Alcalde e da súa concelleira da área, a señora Rocío Deolinda Goberna, pon a Gondomar nunha situación de desvantaxe respecto dos concello da contorna, que teñen habilitados espazos de aparcamento para autocaravanas. De feito, o pasado maio, xs compañeirxs de Manifesto Miñor desprazámonos até Tomiño para visitar a recén estrenada área de autocaravanas a poucos metros da vila. Comprobamos, e así llo trasladamos ao goberno municipal, que se trata dun espazo moi sinxelo no seu deseño, de fácil execución e dun baixo investimento, que con toda seguridade sería subvencionable tanto pola Xunta coma pola Deputación Provincial.

No caso de Gondomar, obviamente, para cumprir os obxectivos de facelo atraínte aos autocaravanistas e útil ao comercio e negocios de restauración locais, debe ter un acceso cómodo, seguro e próximo á Vila. Na proposta que agora facemos, poderían caber entre 8 e 10 autocaravanas, máis que suficientes se temos en conta que a estancia destes vehículos non pode exceder as 72 horas.

Dende a nosa organización, non entendemos como o señor Ferreira e a señora Goberna van todos os anos a Fitur (acaban de estar a semana pasada en Madrid a conta de toda a veciñanza de Gondomar)  cando non teñen unha iniciativa turística que presentar nin un proxecto claro do que queren para Gondomar. Pola contra, desprezan constantemente este xeito de viaxar, cada vez máis estendido e demandado en toda Europa e cuxas persoas usuarias buscan a calidade de vida e a tranquilidade que non llela dan outro tipo instalacións turísticas cada vez máis masificadas.

 

Unha iniciativa de enormes beneficios económicos para Gondomar

En xuño de 2016 dende a Concellaría de Turismo e Comercio de Gondomar, que daquela dirixía o compañeiro de Manifesto Miñor, Xosé Antón Araúxo, iniciou as xestións e os traballos necesarios para impulsar a creación dunha área exclusiva de autocaravanas, como elemento xerador de recursos e como polo de atracción de visitantes desestacionalizados, deixando feito o correspondente proxecto para a súa execución. Os datos e os estudos presentados daquela valen perfectamente para hoxe e, de seguro, serían moito máis favorables.

Este tipo de instalacións especializadas van dirixidas a un sector que actualmente move en Galicia máis de 3 000 autocaravanas, 54 000 no Estado español e máis 15 millóns en Europa e permiten ofertar eventos dirixidos a un sector da poboación amante da vida apacible, da natureza e respectuoso co medio ambiente. Este fluxo potencial de visitantes podería criar importantes sinerxías con outros sectores da economía local a través de eventos de todo tipo: culturais, gastronómicos, temáticos, etc., o que axudaría a revitalizar o minguante comercio local, a hostalaría, a prestación de servizos etc., incrementando a vida económica da Vila e desestacionalizando os visitantes e viaxeiros.

No plano económico presentado daquela pola devandita concellaría de turismo, calculábanse uns ingresos anuais no tecido económico de Gondomar superiores aos 250.000€/ano, dos que 9.000 euros irían directos ás arcas municipais pola explotación da propia área. O resto de ingresos indirectos serían gastos en tendas, restaurantes, gasolineiras, bares, panaderías ou doutro tipo de servizos demandados polos visitantes. Probablemente a día de hoxe cos cambios nos hábitos sociais producidos pola COVID-19 os resultados sería aínda mellores.

 

Un emprazamento próximo á Vila de Gondomar

Como xa se dixo, o emprazamento dunha área de autocaravanas, para que o impacto dos beneficios da súa implantación sexan directos na economía local, debe ser o máis próximo posible ao centro da Vila. Pois ben, hoxe concretamos a nosa proposta, que no pleno de maio era máis aberta, e propoñemos o espazo a carón da Estación de Autobuses, para o que se debería desenvolver unha actuación para eliminar o perigoso “foxo” que alí hai, e cuxa situación indicamos no plano que acompaña a mocion presentada, obviamente, de maneira gráfica e só indicativa.

Moción presentada para o seu debate no vindeiro Pleno:

Xaneiro 31, 2025

Etiquetas: , ,