Manifesto Miñor solicitará no vindeiro Pleno unha xuntanza coa Conselleira de Industria para artellar solucións á situación crítica do Polígono d’A Pasaxe
Poñerse a facer agora un relatorio de todos os avatares e peripecias polas que leva pasado o Polígono Industrial d`A Pasaxe ao longo dos case cincuenta anos da súa existencia, suporía facer un exercicio tan inútil coma desesperante. Peor aínda, podería levarnos á irracional conclusión de que estamos diante dunha sorte de “maldición bíblica” que, sempre, cando se está a piques de chegar a unha solución definitiva, fai que aconteza algo que provoca que se teña que volver comezar. No Mundo Clásico é o máis parecido á Maldición de Sísifo. Pero, se cadra, todo é máis sinxelo do que parece e realmente o que hai son intereses espurios dos nosos competidores directos, iso si, con máis amigos ou apoios nas instancias do poder institucional. Se non isto non ten explicación lóxica, xa que o certo é que ningún polígono industrial da nosa contorna, e máis alá da mesma, ten unha centralidade e unhas comunicacións tan propicias coma o d´A Pasaxe.
Pois ben, á vista dos últimos acontecementos, que prognostican unha nova parálise, insoportable para as empresas que alí funcionan e, en consecuencia, para as persoas traballadoras das mesmas, en Manifesto Miñor coidamos que chegou o momento no que toda a Corporación Municipal debe tomar cartas no asunto, con unidade e firmeza para reclamar unha solución definitiva. É un momento de gran transcendencia, pois están en xogo miles de postos de traballo, os existentes nas empresas que poden marchar e os de nova creación das empresas que se queren instalar.
Como queira que a situación é critica, dende Manifesto Miñor xa solicitamos formalmente a comparecencia do señor Ferreira no vindeiro Pleno para que explique, sen enganos nin manipulacións, a realidade da situación do Polígono d’A Pasaxe e imos propoñer unha xuntanza co Conselleiro de Industria do goberno galego, na que participemos todos os grupos da Corporación Municipal e, por suposto, a Asociacións de Empresarios do polígono e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios. A Xunta de Galicia ten que comprometerse definitivamente con este asunto, achegando o financiamento necesario e xestionando o proxecto aprobado.
TEXTO DA MOCIÓN