Manifesto Miñor reclama outra vez un parque de autocaravanas na Vila de Gondomar
Hai unhas semanas, o Concello de Tomiño inaugurou no centro da vila o seu segundo parque de autocaravanas. Coa finalidade de coñecer de primeira man o proxecto, dende Manifesto Miñor achegámonos a Tomiño; trátase dun espazo moi sinxelo no seu deseño, cómodo nos accesos e con cabida para seis autocaravanas que poden permanecer no parque durante un máximo de 72 horas.
Dende Manifesto Miñor, seguimos teimando nesta necesidade que o Sr Alcalde se nega a ver mentres os concellos da nosa contorna teñen as súas listas para este verán, como é o caso de Tomiño. De feito, cómpre lembrar que no 2016, cando o compañeiro Xosé Antón Araúxo era concelleiro de Turismo do Concello de Gondomar, tratamos de impulsar un área destas características, co apoio da Asociación Galega de Autocaravanas(AGA), para dinamizar a economía local cun turismo de calidade.
O emprazamento dunha área de autocaravanas para que o impacto dos beneficios da súa implantación sexan directos na economía local, debe ser o máis próximo posible ao centro da Vila. Naquela altura o lugar proposto fora a zona do CDL, ou incluso na contorna da estación de Autobuses. Hoxe poden existir outras posibilidades que se indican no plano da Vila que se adxunta ou, calquera outro lugar a valorar mentres un novo PXOM non libere solo dotacional para este tipo de infrestruturas. Insistimos en que a premisa fundamental para que calquera das alternativas posibles cumpra os obxectivos sinalados, o espazo escollido debe estar o máis integrado/achegado posible ao centro da Vila de Gondomar.