Manifesto Miñor presenta alegacións aos proxectos de saneamento e abastecemento de auga para garantir a súa execución

Gondomar, 13 de maio de 2025.- O pasado 14 de abril, publicouse no BOPPO a exposición pública dos proxectos para a inclusión na licitación do contrato de concesión de sevizos de abastecemento de auga potable a domicilio e saneamento do Concello de Gondomar, aprobados no pleno do 3 de abril de 2025. Pois ben, dende Manifesto Miñor sempre nos posicionamos en contra da privatización do servizo de saneamento e auga pública e, nese sentido, alegamos ao Estudo de Viabilidade Económico-Financieira da concesión de servizos de abastecemento e saneamento de auga no Concello de Gondomar. Pero, a maiores, entendemos que os proxectos aprobados, amais de non contemplar todas as necesidades de abastecemento de auga e saneamento que actualmente teñen as parroquias de Gondomar nin establecer un plan de actuación definido para o desenvolvemento das obras, teñen moitas carencias técnicas que poderían derivar na negativa por parte da empresa concesionaria a levalas a cabo.

Pois ben, na alegación que presentamos dende o noso grupo pediamos algo tan simple como a modificación do Estudo de Viabilidade Económico-Financieira para garantir a legalidade da realización, por parte da empresa, das obras propostas e aprobadas polo Pleno. Cómpre ter en conta que a maioría (todas agás a obra para eliminar o bombeo no barrio da Torre, en Chaín) son de NOVA EXECUCIÓN, e non MELLORAS, ben do servizo ou ben das infraestruturas existentes, como se recolle en diferentes artigos do devandito Estudo.

Doutra banda, hai que ter en conta que a achega inicial que ten que facer a empresa adxudicataria resulta ridícula, se temos en conta que se trata dunha concesión por 20 anos. Polo tanto, dende Manifesto Miñor demandamos que se aumente a cantidade orzamentada para obras de mellora e ampliación da rede de saneamento e auga municipais que ten que poñer a empresa ao comezo da concesión, toda vez que vai ter un ingresos importantes que consideramos inxustos e lesivos para o ben común. Dado que o señor Alcalde, malia autodeclararse socialista, non quixo valorar sequera a posibilidade de municipalizar os servizos públicos de auga e saneamento, a empresa non pode ter uns beneficios abusivos e que prexudiquen á veciñanza de Gondomar. Para Manifesto Miñor, o ciclo da auga non pode ser un negocio.

Por último, na última alegación reclamamos que se actualicen os prezos obsoletos que constan nos proxectos aprobados, toda vez que moitos deles teñen unha antigüidade de dous ou tres anos. En consecuencia, descoñecemos os prezos reais destes proxectos e, polo tanto, non podemos ter a certeza de que se vaian realizar todos eles no momento en que se resolva a adxudicación.

Contra a propagación de bulos que practica don Paco Ferreira, compartimos as nosas alegacións:

1ª.- a) que se proceda á modificación do Estudo de Viabilidade Económico-Financieira co obxecto de encaixar legalmente no mesmo as obras que agora se propoñen e son de nova execución e, b) que se proceda a aumentar a cantidade da achega da empresa adxudicataria que se recolle no devandito estudo, dádo o tempo que vai durar a concesión permitiríalle á mesma uns ingresos inxustos e lesivos para o ben común.

2ª.- Dádo que os proxectos expostos teñen varios anos dende a súa redacción e/ou valoración, consideramos que todos eles quedan obsoletos no que se refire a seus custes, cuestión que sempre trae problemas á hora (ou despois) da súa adxudicación, polo que ALEGAMOS que se proceda a unha actualización dos mesmos tendo en conta o criterio dos técnicos municipais.

Don Paco Ferreira debería preocuparse por levar as iniciativas a Pleno ben traballadas e fundamentadas, máis que polo traballo democrático que facemos dende a oposición. Ou será que a maioría absoluta que conseguiu promovendo o transfuguismo na Corporación Municipal non lle serve para evitar as consecuencias da falta de viabilidade xurídica das proposta que presenta? Dende logo, Manifesto Miñor non se opón a ningún proxecto de saneamento e abastecemento de auga que propoña o goberno municipal, mais deben contar coas garantías legais necesarias.

Manifesto Miñor