Manifesto Miñor lanza a campaña de apoio ao comercio local “Neste Nadal nós mercamos local”
A promoción e dinamización do comercio local é unha das prioridades de Manifesto Miñor. Como xa dixemos en máis dunha ocasión, a principal fortaleza está precisamente na variedade da oferta e na calidade do producto que se comercializa, así como na situación privilexiada (pola súa centralidade) da vila de Gondomar dentro da comarca. Dende sempre, ese foi o principal motivo de atracción comercial para infinidade de persoas doutros concellos e comarcas que aproveitan a nosa centralidade xeográfica e o fácil acceso á Vila para vir mercar onda nós.
Por outra banda, as debilidades do pequeno comercio en xeral teñen que ver principalmente coa competencia brutal das grandes superficies multinacionais (moitas delas promocionadas dende o propio goberno municipal) e coa venda online. Neste sentido, aínda que o señor Alcalde anunciou unha plataforma de venda online en tempos de pandemia, esta ferramenta non chegou a callar entre xs comerciantes, pois faltou formación para o seu uso e un seguemento constante do seu funcionamento por parte da Concellería de Comercio, que dirixe Rocío Deolinda Goberna.
Por outra banda, cómpre ter en conta que a mobilidade no interior da Vila resulta cada vez máis complicada. Moitas das dinámicas comerciais de Gondomar teñen que ver coa posibilidade de mercar comodamente, feito que non ten tanto que ver coa existencia de zonas de aparcamento (que, por cento, cada vez é máis escaso, mesmo nos arredores da propia Vila), senón coa facilidade para chegar aos comercios ou coa existencia dun transporte público eficiente que conecte as parroquias coa Vila.
Por todo isto, ante a situación crítica pola que atravesa o comercio local, en parte como consecuencia da falta de apoio ás comerciantes e aos comerciantes de Gondomar, impulsamos a nosa propia campaña de sensibilización, virtual e física, para animar a toda a veciñanza a mercar en Gondomar: “Neste Nadal, nós mercamos local”. No día de hoxe, estivemos pegando cartaces no centro da Vila e solicitamos a participación de toda a veciñanza para encher as rúas e as redes. Para iso, só hai que descargar o cartaz e compartilo nas redes sociais ou ben imprimilo e pegalo nalgún sitio visible das parroquias, dos barrios, etc.
En Manifesto Miñor, témolo claro… “Neste Nadal, NÓS mercamos local”.
En Gondomar, 20 de novembro do 2023.
Manifesto Miñor.