Manifesto Miñor en apoio do comercio local de Gondomar

Pasados  oito meses dende que o Sr. Alcalde anunciara, urbi et orbi, como a solución definitiva para o comercio local a incorporación de Gondomar á plataforma de venda online Dbarrio, a día de hoxe podemos cualificar este feito de rotundo fracaso, pola escasa acollida tanto entre os comerciantes como, sobre todo, entre xs propixs e potenciais clientxs. Unha vez máis o Señor Ferreira preferiu vender fume criando a ficción de facer que fai, a mollarse e traballar a prol do comercio local. A gravidade deste tipo de políticas baseadas no postureo e na foto está en xogar coas expectativas dun sector especialmente castigado pola crise, que unha vez máis se sente enganado e manipulado pola propaganda oficial.

 

Naquela altura, dende Manifesto Miñor propuxeramos criar unha plataforma de venda online propia, xestionada polo Concello e xs comerciantes, no canto de diluír o comercio local nun lugar virtual onde ten que competir maiormente cos comercios de Vigo, como foi o caso.

 

Agora estamos vendo como os concellos da nosa contorna e da provincia están lanzando con éxito a modalidade proposta por Manifesto Miñor hai case un ano: Tomiño vén de lanzar a súa; Cuntis puxo en marcha “MercaCuntis”; Redondela ten funcionando “Redondela Merca na Casa”; ou Tui a súa, “É Tui”, accesible en galego, español, inglés, francés e portugués. Todas elas teñen en común que van dirixidas ao comercio local e de proximidade dos seus respectivos concellos, apoiadas nos medios de comunicación e nas redes socias regularmente e, sobre todo, cunha imprescindible fase de formación dos comerciante, así como un seguimento do proceso por parte do persoal técnico municipal ou contratado a tal efecto.

 

Dende Manifesto Miñor anunciamos que levaremos este asunto de novo ao Pleno coa intención de reconducir a situación e, se fose o caso, axudar a que non se perda totalmente a vindeira campaña de Nadal. As nosas propostas son:

 

1ª.- Crear unha plataforma municipal propia de venda online xestionada polo Concello e xs comerciantes, hostaleirxs e pequenos negocios de todo tipo, instalados en Gondomar.

 

2ª.- Proceder á información e formación dxs comerciantes e autónomxs locais sobre a necesidade deste tipo de negocio que veu para quedar, é dicir, como manexalo, tanto tecnicamente como os sistemas de marketing, de vendas, etc.

 

3ª.- Facer o seguimento e acompañamento dende a Concellaría de Comercio deste proceso novidoso para moitas persoas comerciantes e clientes, creando un organismo estable de seguimento, facendo campañas de información e animando a mercar no comercio local nos medios e nas redes sociais, ou creando un sistema de reparto de compras, etc.

 

4ª.- Por último, propoñemos que mentres dure o estado de alarma da COVID-19, que se proceda

a rebaixar e/ou bonificar todas as taxas e impostos que dependan do Concello co ánimo de evitar o peche masivo e definitivo das tendas e comercios da localidade.

 

En Gondomar, a 13 de novembro de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas

Voceiro de Manifesto Miñor

Novembro 13, 2020

Etiquetas: , ,