Manifesto Miñor denuncia a precaria recollida de RSU nas parroquias de Gondomar
- O abandono das parroquias e a desidia do goberno municipal de Paco Ferreira, que non actúa contra a empresa concesionaria, está a fomentar a proliferación de vertedoiros por todas as parroquias.
Dende hai varias semanas, estamos a detectar un empeoramento do servizo de recollida de RSU, que afecta especialmente ás parroquias de Gondomar. Logo da contratación da empresa FCC, por un importe de arredor dun millón de euros anuais (dun orzamento que non chega aos 8 millóns de euros no caso do noso Concello), o señor Ferreira anunciou en todos os medios de comunicación unha mellora sen parangón do servizo, coa substitución de colectores, limpezas e desinfeccións constantes, unha mellora no funcionamento do punto limpo, etc.
A realidade, pola contra, é ben distinta. Habitualmente, pódese observar que a recollida de RSU non se realiza de maneira diaria en todas as parroquias e os colectores permanecen cheos durante varios días. Malia a insistencia do señor Alcalde en xustificar esta situación co incivismo, o certo é que a pésima recollida de lixo está a provocar a proliferación de vertedoiros por todas as parroquias. En todo caso, tanto o Alcalde coma o concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica (?), o señor Misa, non poden descargar a súa responsabilidade nas persoas incívicas, pois son eles quen teñen a obriga de supervisar a recollida de RSU e revisar o prego de condicións que rixe o contrato con FCC para facer que facer que a empresa o cumpra.
Hai unhas semanas, recibiamos unhas fotos da Barga onde se podía ver . Tras denunciar o caso a través das redes sociais, Paco Ferreira saiu rapidamente a acusar a un negocio de Nigrán de ser o responsable daquel vertedoiro. Agora ben, non se trata dun caso illado e, de feito, a veciñanza das parroquias está a deunciar constantemente a aparición de puntos de recollida de lixo con colectores onde se depositan todo tipo de residuos.
Dende Manifesto Miñor denunciamos a responsabilidade da empresa que se encarga do servizo na mala recollida de RSU nas parroquias. Asemade, cómpre revisar o contrato diante do máis que mellorable funcionamento do Punto Limpo. Sempre indicamos que era unha mala idea que a mesma empresa que se encarga da recollida do lixo xestione tamén o punto limpo, por pura lóxica e porque son “negocios” incompatibles. Na medida en que os puntos limpos funcionen correctamente, se estendan polo territorio e a xente tome consciencia, simplemente as empresas de recollida diminúen considerablemente a súa carga de traballo. Por iso, volvemos a insistir na necesidade de impulsar o punto limpo de Gondomar como modelo sustentable de tratamento dos residuos sólidos urbanos.