Manifesto Miñor demanda medidas para a eliminación da herba da Pampa do Val de Miñor
Manifesto Miñor vén de presentar unha moción para ser debatida no vindeiro pleno ordinario de outubro da Mancomunidade do Val de Miñor sobre a praga que está a supoñer a “Herba da Pampa” ou “Cortadeira” en moitos espazos públicos da nosa Comarca.
A principios do anos 80 do século pasado, a “herba da Pampa” ou cortadeira, foi introducida en Galicia con fins ornamentais en moitos xardíns e espazos tanto públicos coma privados por mor do rechamantes das súas flores femininas en forma de grandes plumeiros. O peor é que estas plantas transmiten as súas esporas aproveitando o vento ata a trinta quilómetros de distancia, motivo polo cal teñen un potencial invasivo incrible. Invaden zonas húmidas como marismas, depresións dunares e ribeiras de ríos e poden tamén pervivir en bosques e entre matogueiras, formando masas moi grandes que impiden o crecemento das plantas nativas e alterando gravemente os ecosistemas, mesmo aqueles que forman parte da Rede Natura. O mellor e desterrala, nunca mellor dito, de todos cantos espazos se poida. Sabemos que non é doado pois bota unhas raíces moi grosas e profundas que normalmente require de máquinas para as arrincar.
Os poucos traballo de investigación sobre esta planta, levados a cabo na UDC polo botánico e investigador Jaime Fagúndez, recomendan a primeira quincena de xuño como o mellor momento para cortar a especie e evitar a súa posterior floración; pola contra, as que se levan a cabo no inverno ou a comezos da primavera non serven para evitala, pois, por exemplo, cortando a planta cando está florecida o único que facemos é axudar a dispersar as sementes. Segundo detalla este investigador, é unha especie disruptora do ecosistema porque invade hábitats naturais de especial interese. A maiores, pode supor un problema de saúde pública polo seu carácter alergóxeno, pois ao florecer a finais do verán, cando as gramíneas pasaron o seu período máis crítico para os alérxicos, provocan un segundo pico de afeccións e, polo tanto, unha maior carga sanitaria.
Pois ben, a nosa Comarca vén sendo un lugar “privilexiado” onde a cortadeira medra sen control en espazos públicos, como é o caso dos terreos lindantes coa Autoestrada AG-54, especialmente na zona do viaduto, onde a peaxe de Vilariño, e lamentablemente xa comeza a verse en zonas próximas á Xunqueira do Miñor. É un problema máis grave do que parece e nós, como institución Comarcal, temos a obriga moral e política de afrontar este problema dentro das nosas competencias, tamén criando consciencia entre a veciñanza, e, en todo caso, reclamar do Goberno Galego que tome cartas no asunto. Augas de Galicia, Consellaría de Infraestruturas, etc. deben poñer os medios para erradicar esta praga.
O que lle pedimos ao plenario da Mancomunidade, en primeiro lugar, é encargar un estudo sobre o grao de propagación da Herba da Pampa no Val de Miñor e, en segundo lugar, dirixirse á Xunta de Galicia: Augas de Galicia, Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, Consellaría de Vivenda e Planificación de Infrestruturas, para que tomen as medidas neceserias encamiñadas a erradicar esta praga naqueles espazos públicos da súa competencia, como é notorio e á vista de todo o mundo a invasión desta planta nas faixas de terreos expropiadas nos viaductos da AG54 á altura da peaxe de Vilariño ou, na area de influencia da Xunqueira do Río Miñor.