Ferreira volve mentir ao acusar á oposición de deixar o goberno municipal sen salarios: o alcalde e outrxs tres concelleirxs seguirán cobrando das arcas municipais
O Pleno de onte sacoulle a última carauta que lle quedaba a don Paco Ferreira. É o que ten perder a maioría absoluta, que deixa as miserias políticas á vista. Resumindo moito e sen entrar en calificativos grosos, todo o mundo puido ver xustamente o que non debe facer nunca o alcalde nun pleno: insultar, ameazar, cuestionar a vida privada e familiar dxs concelleirxs da oposición, presumir de que ten información privilexiada ou que “ten man” na Fiscalía. Máis aínda, a confusión política deste goberno municipal leva ao Alcalde a dicir, en sesión plenaria, que el está máis cerca ideoloxicamente do PP que de Manifesto Miñor ou do BNG, para de seguido apelar á unidade desa esquerda que acaba de desprezar.
A tradución política de todo este disparate é que o señor Ferreira está desesperado e o goberno socialista de Gondomar carece (nunca a tivo) dunha proposta seria para Gondomar máis aló das prácticas caciquís que pretende continuar neste mandato e, sobre todo, non cre na democracia; por iso, despreza sistematicamente o Pleno da Corporación Municipal poñendo por decreto o seu salario e os do seu goberno ou pretendendo gastar os cartos públicos coma a el lle dá a gana sen ningún tipo de consenso.
En todo caso, respecto do aprobado no Pleno de onte, o señor Ferreira volveu mentir e manipular á veciñanza. É falso que a oposición deixase sen salarios ao goberno municipal, como dixo o Alcalde a través das súas redes sociais. O que se aprobou onte foi unha proposta para reducir o salario do alcalde e as dedicacións exclusivas dos membros de goberno, pois, como sempre defendemos, supuñan un gasto excesivo para as arcas municipais: de 8 concelleirxs que ten o PSOE (contando co Alcalde), estaban cobrando 6: o salario do alcalde, cinco concelleirxs con dedicación exclusiva e un con dedicación parcial. Cómpre lembrar, ademais, que estes salarios foron aprobados por decreto, incumprindo co precepto legal que obriga a levar ao pleno de organización a aprobación dos salarios do goberno (como fixeron en todos os concellos do País e do Estado).
Na intervención do voceiro de Manifesto Miñor, Antonio Araújo fixo fincapé na necesidade de establecer consensos con todos os grupos da Corporación para sacar adiante os asuntos prioritarios para Gondomar. Asemade, insistiu na posición do noso grupo respecto da situación do actual goberno: se o PSOE quere un goberno estable e decente, o primeiro é ter un alcalde ou alcaldesa no que poidamos confiar. Para Manifesto Miñor, é unha obviedade que esa persoa non pode ser o señor Ferreira por varios motivos:
1º) Porque Paco Ferreira botou do goberno aos concelleiros e á concelleira de Manifesto Miñor que levaban máis de tres anos traballando polo ben común, en precario e con todos os atrancos posibles.
2º) Porque o Alcalde furtou o debate político en Gondomar, impoñendo constantemente a súa maioría absoluta e desprezando as propostas da oposición. Sempre defendemos a necesidade de dialogar e chegar a acordos polo ben da veciñanza do noso concello; Paco Ferreira nunca contou con nós para desenvolver ningunha iniciativa.
3º) Porque Paco Ferreira incumpriu sistematicamente a súa palabra coa veciñanza e mentiu deliberadamente sobre moitos asuntos fundamentais para Gondomar: Polígono d’A Pasaxe (manipulando con photoshop o cartaz onde se anunciaban as obras da 2ª fase), comercio local, etc.
4º) Porque Paco Ferreira insultou e ameazou gravemente ao voceiro de Manifesto Miñor en sesión plenaria, coas consecuencias que iso tivo durante a campaña electoral e que son coñecidas por toda a veciñanza.
Coa mesma claridade que o primeiro día, o noso voceiro expuxo a posición de Manifesto Miñor respecto de quen hoxe é Alcalde de Gondomar: fóra do señor Ferreira, en Manifesto Miñor estamos dispostxs a chegar a chegar a un acordo de goberno con quen o PSOE propoña como alcaldable, pois sabemos que xs compañeirxs do grupo socialista son persoas dialogantes.
En Gondomar, 22 de setembro de 2023.
Manifesto Miñor