Dende Manifesto Miñor impulsamos unha iniciativa parlamentaria sobre a desfeita do carril bici mixto Gondomar-A Ramallosa
A estas alturas e despois de tantos anos de loita, mobilizacións e de propostas feitas aos diferentes gobernos da Xunta de Galicia que levan pasado por San Caetano, a realidade é que a día de hoxe a Comarca do Val Miñor, e particularmente o Concello de Gondomar, en materia de mobilidade estamos peor que hai 40 anos. No Goberno Galego seguen ignorando que somos unha Comarca con máis de 50 mil habitantes permanentes que triplica súa poboación no verán.
En cuanto á mobilidade se refire, o Val Miñor leva anos perdendo servizos e sendo esquecido nesta materia polas diferentes Administracións. Habería que se remontar a decembro de 1968 cando a supresión do tranvía que nos comunicaba con Vigo e entre nós. Anos despois coa implantación de liñas regulares de buses a cousa non foi a mellor, e xa nos 80 comezamos a perder liñas e rutas que nos comunicaban con Tui, O Rosal ou dende Vigo por Vincios coa Ramallosa, até hoxe que o chamado “Plan de Transporte de Galicia” que está tramitando o Goberno Galego acaba co pouco que tiñamos. Por non comunicar, non nos comunica coa Universidade de Vigo ou co Hospital do Meixoeiro que tamén é de referencia para Gondomar, etc.
Polo medio temos a construción da Autoestrada do Val Miñor (AG57, de peaxe) inaugurada no ano 1999 que arrasou cunha Comarca á que non lle dá servizo, e que deixou unha pegada de destrución medioambiental e de servizos que nunca foron reparados que aínda está na memoria dos miñoráns, por non falar da fenda ou división física de barrios, parroquias, concellos, etc. e todo para morrer en Baiona despois 22,6km de desfeita. Efectivamente o obxectivo era outro: a especulación co territorio e, obviamente, o propio negocio da súa construción.
En 2010 o primeiro goberno na Xunta de N. Feijóo decide meter suspender o proxecto de ensanche da PO 340: carril bici, paseo para peóns, rotondas de acceso aos barrios e centros escolares, etc. que tiña en marcha o goberno bipartito PSOE-BNG, e pretendeu vendernos como carril bici o que non foi máis que un CARREIRO PINTADO DE MARRÓN a ámbalas dúas beiras da estrada da devandita estrada, e par iso achicaron os carrís de rodadura e gastaron máis 500 mil euros de cartos públicos. O resultado foi unha auténtica “ratoneira” para os ciclistas e peóns, e menos mal que os accidentes non pasaron da categoría de sustos.
En outubro 2016 sacan a información pública unha nova ocorrencia, que agora definen como senda mixta: carril bici/paseo para peóns, dunha lonxitude 4km de lonxitude, 2,74 m de ancho y un orzamento de 1,2 millóns de euros que a día de hoxe sabemos que xa foi superado ese orzamento previsto. As obras foron adxudicadas en abril de 2017 co anuncio feto por parte da Xunta de estaren rematadas en outubro dese mesmo ano. Un ano despois as obras están sen rematar, e o que é peor os potenciais usuarixs ignoramos cal vai ser a súa función. Imos poder camiñar polo mesmo peóns xunto con bicis? Un único carril de pouco menos de 1,50m de ancho vai servir para camiñar e ir en bici nas dúas direccións? Que vai pasar cos postes de alumeado público ou torretas de media tensión que hoxe ocupan literalmente o carril? Por que nuns sitios hai barandas de protección e noutro non, ou porque uns propietarios foron expropiados e outros non? Por que non se lle deu protección ao Cruceiro de Mañufe (Lugar do Acordos) toda vez que se trata dun elemento patrimonial e simbólico de grande importancia? Como se lle pode botar a culpa do atraso as empresas de telefonía ou eléctricas cando estamos falando dun proxecto sacado a información pública en 2016? Cando van rematar as obras?
Unha vez máis estamos diante dunhas obras pensadas sen obxectivos concretos (facer por facer), na liña xeral dun Goberno falto de ideas, onde manda o desleixo e que por riba non quer escoitar á sociedade, pois todo isto que agora pasa co chamado carril bici, co Plan de Transporte, ou antes coa AG 57, a nada que atenderan as propostas veciñais, o resultado tería sido radicalmente diferente.
O Val Miñor precisamos un plan de mobilidade integral para atender todas as necesidades da comarca
En resumo, o que hoxe cuestionamos como unha obra de escasa utilidade no mellor dos casos, é que a Xunta anunciase e “vendera” unha SENDA MIXTA PARA BICES E PEÓNS que resulta difícil compresión, no canto de presentar un proxecto de mobilidade serio para toda a comarca atendendo a criterios de utilidade pública. Unha proposta que como mínimo debería resolver o transporte de viaxeiros por estrada; comunicar internamente Gondomar e o Val Miñor e co exterior, suprimir a peaxe da AG57 para que funcione como vía de circunvalación e comunicación interna das vilas do Val Miñor; construír o demandado PASEO FLUVIAL pola beira do Río Miñor entre Gondomar-A Ramallosa uníndoo cos paseos da costa, e obviamente, construír o carril bici e as beirarrúas na estrada PO340 que sexa digno de tal nome. Así debe ser, por sentido común , e porque o demanda a veciñanza do Val Miñor, promovendo o transporte colectivo, o uso da bici e o camiñar. É dicir, eliminar coches das estradas e das vilas e reducir as emisións de CO2. Iso é o que os cidadáns do S- XXI agardamos das Administracións Públicas
Gondomar, 6 de setembro de 2019.