Dende Manifesto Miñor esiximos máis persoal e un regulamento serio que garanta un servizo de calidade no GES do Val Miñor
A desidia mostrada por parte da actual Presidencia da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor (Don Paco Ferreira) a respeito dos asuntos comarcais é evidente. Agora ben, no caso do GES, ademais, resulta perigosa por canto estamos a falar dun servizo básico para a Comarca e que ten demostrado a súa utilidade en centos de ocasións, mesmo, salvando vidas de persoas, vivendas de arder por lumes, etc.
O descontento dos traballadores e das traballadoras do GES é evidente, pois así é transmitido a través dos medios de comunicacións ou, como no caso de Manifesto Miñor, falando con eles. Preocúpannos especialmente as “receitas” a base de apertura de expedientes ou de impedir a entrada ao centro de traballo dos efectivos de baixa que propón o Sr. Ferreira, e cuxo resultado xa coñecemos en Gondomar na Polícia Local.
Dende Manifesto Miñor, como organización que reivindicamos a Comarca, vimos de presentar unha petición á Mancomunidade para ordenar e regulamentar o funcionamento do GES, comezando pola convocatoria dunha bolsa de traballo que permita a substitución inmediata das baixas, das vacacións ou ampliación de efectivos por necesidades do servizo. Resulta incomprensible que durante varios fins de semana o GES tivera que estar fechado por falta de efectivos.
Escrito presentado no Rexistro da Mancomunidade.