Crónica do Pleno do 18 de outubro: os grupos da oposición abren a porta do consenso sobre as obras da Praza de Manuel Alonso (Alameda) e aproban definitivamente o Regulamento de Participación Cidadá

A humanización da Alameda de Gondomar: diálogo, consenso e sentido común

“Se os coches non suben pola rúa Manuel Losada, dimito”, que traducido á linguaxe dun after hour ás seis da mañá, vén ser algo así como “agarrame el cubata…”. Ese é o nivel habitual do noso Alcalde nos Plenos da Corporación Municipal cando non ten argumentos. Onte os grupos da oposición démoslle unha lección ao señor Ferreira de sentido común ao abrir as portas, que el tiña pechadas coa maioría absoluta, aos consensos sobre a humanización da Praza de Manuel Alonso. Para Manifesto Miñor, dialogar non é convocar reunións de voceiros cinco horas antes do Pleno, encargar informes que retorcen as palabras e os conceptos para acabar dicindo o mesmo que figura no proxecto aprobado ou contraprogramar supostas asembleas informativas co único obxectivo de criar confusión e enfrontar á veciñanza. E non falemos da consulta fraudulenta feita por Internet que, se dura dous días máis, acaba votando máis xente que habitantes ten Gondomar. Neste momento e con toda esta manipulación, o principal problema que ten don Paco Ferreira é a credibilidade, tanto entre todos os grupos da oposición como entre a propia veciñanza. Lamentablemente para el, iso en política non ten remedio. Velaí os resultados das eleccións municipais. 

Con todo, para Manifesto Miñor a importancia do problema radica no modelo de Vila que agocha o frenesí “humanizador” do señor Ferreira, que aposta sen disimulo por unha Vila dormitorio que é o mesmo que renunciar a un dos princiapis motores económicos do Conello. Era sabido e non hai máis que ver a súa foto inaugurando as obras do macrocentro comercial de Porto do Molle en 2022, un competidor directo do comercio local e de proximidade. Esa é a idea: todo Gondomar a mercar ás multinacionais de Porto do Molle ou a Vigo. Onde queda a “descarbonización” que nos vendeu co “Proxecto Ágora” se ao final temos que coller os nosos coches pra mercar fóra multiplicando por dez os kilómetros. A isto chámanlle descarbonización?

E aínda hai outra circunstancia na que o Sr. Alcalde, que tanto presume de ter coñecementos sobre mobilidade, non reparou. Don Paco, que foi xefe da policía local, debería saber que a Praza de Manuel Alonso é un paso obrigado para os veciños que teñen que ir a Morgadáns, Chaín, Peitieros, Prado, Vilas, A Torre, Toucido, Aspera… Por onde vai meter todo ese tráfico se a peonalización vai adiante? Pois polas rúas Ánimas, Pereiras e Emigrante. Un veciño do Toucido, por exemplo, que agora ten un percorrido dun kilómetro e algo para chegar aos comercios do centro da vila, con ese desvío, duplicaría a distancia. A descarbonización, ula?. Obviamente, doutras alternativas para mellorar a mobilidade entre as parroquias e a vila de Gondomar, como criar un servizo de microbuses interparroquial, nin se fala. Canto ten que aprender don Paco Ferreira dos concellos da contorna!

Por último, outro asunto do que non fala nas memorias xustificativas do proxecto é a situación na que quedan as persoas que traballan nos comercios e nos negocios que están na praza e nos arredores da mesma: Gasolineira, Mercamás, Cristalerio, Estanco, Alameda, Galerías, etc. MÁIS DE 40 persoas traballando neses negocios e noutros que non se citan. É dicir, familias que a fin de mes teñen que pagar os alugueiros, hipotecas, autónomos… e, ademais, teñen que comer. Porque esta realidade non se tivo en conta á hora de tocar unha zona tan sensible dado que van sufrir as consecuencias de maneira brutal?

Logo do pleno de onte, onde quedou claro que a oposición non se opuña a humanizar e arranxar a Praza de Manuel Alonso, dende Manifesto Miñor agardamos agora poder falar de todo isto de vagar, sen ruído, sen focos… Pois a solución é POLÍTICA, e somos os representantes públicos quen temos a obriga moral e política de buscar unha solución pra mostrárllela á veciñanza afectada que terá a última palabra. A función dos técnicos neste asunto será a de lle buscar o encaixe técnico e xurídico aos cambios propostos polos representantes públicos. A pelota está agora no tellado do Sr. Alcalde.


Aprobación do Regulamento de Participación Cidadá, metido no caixón por don Paco Ferreira dende febreiro de 2018

Outro dos asuntos de grande relevancia que onte aprobou o Pleno, coa maioría absoluta dos votos dos grupos da oposición, foi o Regulamento de Participación Cidadá, que foi metido no caixón polo Sr Ferreira en febreiro de 2018. Naquel momento, estaba só pendente do tramite formal da súa aprobación definitiva. Obviamente, e por moito que o señor Alcalde anunciara publicamente e en repetidas ocasións a improcedencia da devandita aprobacion, o certo é que conta dende finais de 2016 con toda a tramitación cumprida, incluso o informe da Secretaría Xeral, publicación no BOPP da aprobación inicial, aceptación de emendas por consenso cos grupos politicos e movemento veciñal, etc. Esperamos que o Sr. Ferreira cumpra democraticamente o mandato do Pleno e proceda cos trámites que faltan: publicación da aprobación definitiva no BOPP e información ao movento veciñal e á veciñanza en xeral, para que poidan facer uso del.

 

En Gondomar, a 18 de outubro de 2023.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

 

Outubro 19, 2023

Etiquetas: , , , ,