Consideracións após o 28M: grazas infinitas e aclaracións a respecto do futuro Goberno municipal de Gondomar

Dende Manifesto Miñor, queremos valorar os resultados das eleccións locais do pasado domingo, facendo tres consideracións a respecto dos datos que ofreceron estes comicios no Concello de Gondomar. 

En primeiro lugar queremos agradecer á veciñanza de Gondomar o apoio recibido por Manifesto Miñor nos comicios do domingo pasado. Con 1087 votos somos a terceira forza e conseguimos subir ata o 13,04% (case un 1,5% con respecto a 2019). Para nós isto supón a consolidación, nunha situación de forte polarización a nivel estatal e de impulso das grandes estruturas partidarias (que mesmo pareceu que estabamos nunhas elccións xerias), dun proxecto veciñal, decididamente galeguista, progresista e de esquerdas, que botou a andar alá polo 2014 e que mantén aínda hoxe as mesmas ganas e o mesmo espírito de loita que naquela altura. Por suposto, é obrigado dar as grazas xs 24 candidatos e candidatas de Manifesto Miñor e tamén a todas esas persoas que participaron e axudaron de maneira voluntaria e desinteresada, con grande esforzo, nesta campaña electoral. A pesar da dureza desta campaña, na que non faltaron insultos, agresións e desprezo, mesmo no día das votacións, imos seguir no Concello con dous concelleirxs e defendendo TODA A VECIÑANZA de Gondomar.

Por outra banda, cómpre parabenizar a quen, democraticamente, gañou as eleccións. Con todo, a veciñanza de Gondomar deu un claro recado a todos os grupos políticos: Gondomar non tolera os alcaldes prepotentes. De feito, o señor Ferreira e o PSOE perderon algo máis de 700 votos, 300 deles na vila e 400 nas parroquias. Para Manifesto Miñor, resulta claro que as políticas municipais non poden virar as costas ás 9 parroquias nas que vive o 80% da poboación do concello e que o modelo imposto por don Paco Ferreira, sen diálogo nin consenso, non é aceptable. Agora, son as urnas as que lle obrigan a falar con todo o mundo, a escoitar, a chegar a acordos e, por suposto, respectalos. Veremos! 

Por último, dende Manifesto Miñor queremos insistir no noso compromiso de non apoiar un goberno municipal presidido por Paco Ferreira. Cos dous votos de Manifesto Miñor, Paco Ferreira non vai ser Alcalde con maioría absoluta, nin imos formar parte dun goberno do PSOE con Paco Ferreira como Alcalde. Dúas son as razóns principais: primeiro, porque o señor Ferreira quebrou a confianza cando nos botou do goberno no 2018 e porque demostrou que non sabe dialogar nin cumprir os acordos. Segundo, porque incluíu na súa candidatura unha persoa declarada tránsfuga pola Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo do Congreso dos Deputados, e que ademais, ten demostrado que non lle interesa en absoluto a política municipal (nos últimos catro anos na oposición non presentou ningunha moción nin iniciativa pola veciñanza de Gondomar). 

Pois ben, son tempos de cambio na política municipal gondomarense. Chegan tempos de diálogo, de consenso e de acordos polo ben común. E se o PSOE quere un goberno progresista estable e digno en Gondomar, tócalle agora mover ficha. 

 

En Gondomar, 31 de maio de 2023. 

Manifesto Miñor.

Maio 31, 2023

Etiquetas: , ,