Como contar un abuso (o do transporte público na comarca) entre tanto “espírito navideño” para que nos fagan caso

A ver que vos parece este “Conto de Nadal”.

 

Luns, día 26 de decembro de 2022; case a mediados do século XXI. Cinco persoas agardan polo autobús na parada das Travesas para viren as súas casas en Gondomar. Son as 21:00 horas da noite e, como de costume, non debería tardar moito en chegar o coche de liña. Pasan 15 minutos, pasa media hora, pasan 45 minutos e, por fin, ás 22:00 horas chega o bus á parada.

Nas oficinas de LUGOVÉ ninguén colleu o teléfno para explicar que pasaba. Soubose despois que seica foi por culpa dos atascos que provocan o lucerío de Vigo e polos cambios provocados pola nova estación de buses recén inaugurada. Ah, pero isto non foi todo. Resulta que o micro-bus de LUGOVÉ viña cheo e das cinco persoas que agardaban na parada só puido subir unha quedando en terra as outras catro restantes, das cales dúas eran raparigas menores de idade. Ao final o problema resolvérono os pais e os familiares indo a Vigo a recoller aos malogrados viaxeiros.

Eu pregunto, de verdade é así como pensan facer útil e atractivo para os usuarios un servizo público de transporte de viaxeiros? De verdade os nosos gobernantes están interesados na famosa descarbonización e que os cidadáns deixemos os coches na casa? Seica, diante dos novos feitos, imos ter que volver a manifestarnos para esixir un transporte público de calidade no Val Miñor. Dende Manifesto Miñor reclamamos que, dende a Xunta de Galicia, se corrixan estes problemas canto antes, pois non é a primeira vez que acontencen.

Vimos de enviar un escrito á Consellería competente para que de inmediato investiguen os diversos incumprimentos de LUGOVÉ e resolva canto antes esta situación.

En Gondomar a 28 de de decembro de 2022 (oxalá fora unha inocentada, pero é a realidade bastante cotián).

Manifesto Miñor

Decembro 28, 2022

Etiquetas: , , , ,