Comercio local: Propostas para agora e para despois do COVID-19

Partindo da base que a Vila de Gondomar centrou historicamente a súa actividade no comercio e na oferta de servizos chegando a ser un  referente máis aló da nosa Comarca, e tendo en conta  que esa actividade aumentou diversificándose, incluso incorporando formas novidosas de exercela, a día de hoxe podemos afirmar con total seguirdade que a Vila de Gondomar é un dos motores indiscutibles da economía local e porque non, comarcal.

Con todo, esta dinámica até agora próspera e xeradora de riqueza e de postos de traballo, neste momento corre importantes riscos e atravesa graves dificultadas, unhas derivadas  da necesaria adaptación ás novas formas de comerciar e de prestación de servizos, e outras, agardemos que puntuais pero non menos graves, derivadas das continxencias actuais que COVID-19 está a provocar a nivel global. A maiores, todo isto vese agravado por unha mala xestión e pola falla de consenso da peonalización do centro da Vila que está obrigando a pechar comercios, ou a axustar plantillas, horarios, etc. dos que conseguen sobrevir con moito esforzo.

Daquela cómpre facilitar e axudar ao comercio local a se dotar de novas ferramentas para afrontar os novos tempos, pois resulta evidente que a día de hoxe os pequenos comercios están en desvantaxe en comparación con outras fórmulas empresariais lideradas por grandes almacéns e grandes cadeas de téxtiles, mobles e alimentos, etc.  Unha idea podería ser a construción dun  centro comercial “on line”  que permita ao pequeno comercio ofrecer os seus produtos e/ou servizos telematicamente. Pra isto precisaríase dunha aplicación móbil para smartphone, onde o comercio poida ter catalogadas todas as existencias e ofertas aos potenciais clientes do concello e de fóra. En todo caso, as medidas que se propoñen nesta iniciativa de “Manifesto Miñor”, teñen vocación de continuidade máis aló de conxunturas puntuais, pois entendemos que o noso comercio local vai seguir estando sometido a competencias e tensións brutais difíciles de afrontar sen o apoio, asesoramento, etc. do Concello e outras Institucións, e obviamente partindo da súa propia autoorganización.

Entendemos que o Concello debe dinamizar e apoiar a reactivación da Asociación de Comerciantes como ferramenta e interlocutor necesarios para poder facer efectivas calquera das iniciativas que vía asesoramento técnico, formativo, orzamentario, etc, que estean na man do Concello ou de outras Institucións podelas levar adiante con consenso e efectividade.

O Concello debe fomentar o comercio de proximidade entre outras razóns para:

– Recuperar o comercio local.

– Favorecer o emprego.

– Motivar, de novo, as relacións da veciñanza e o contacto. O mercado de proximidade é clave.

– Diminuír a carga negativa sobre o medio ambiente: contaminación por transporte, embalaxes…

As actuacións municipais deben moverse en dous eixes: un a medio prazo de carácter político-administrativo; e outro máis  inmediato de reacción comercial.

O primeiro vai dirixido ao tratamento impositivo en mans do Concello, é dicir, medidas fiscais que axuden a non perder liquidez nos negocios en momentos excepcionais cando os ingresos son escasos: redución, ou mesmo supresión temporal de taxas como a do lixo, da auga…ou de impostos coma o IBI, Rodaxe de vehículos comerciais, ou incluso impostos de apertura, taxas de cambio de titularidade, apertura, etc.

O segundo ten que ver coas medidas a adoptar para atraer aos clientes e saír da crise por “ caixa”. Entre outras, propoñemos as seguintes liñas de traballo:

O obxectivo fundamental sería incrementar o número de clientes, a súa fidelización, e o crecemento da compra tanto en número de artigos como en prezo de venta medio. Para elo a atención personalizada, xunto cun mellor servizo e as novas ferramentas de comunicación serán a prioridade. Estes elementos son comúns a todos  os comercios de Gondomar sen diferenciar o seu oficio, e dando por suposto que a oferta e a política de prezos son os axeitados para os clientes de Gondomar.

.- Creación dunha imaxe corporativa, con logo identificativo do comercio de Gondomar.

.- Páxina  de mercado on line.

.- Canle de pago on line.

.-Tarxeta fidelizadora para os clientes do pequeno comercio.

.- Medios de publicidade.

.- Políticas comerciais adecuadas ás necesidades da veciñanza e ás estacionalidades.

Páxina Web e canle de pago.

Unha páxina web que favoreza a compra básica dende o domicilio, onde os comercios asociados poidan presentar ofertar de artigos clave. Estas ofertas terían unha vixencia non superior a tres semanas, e o pagamento faríase on line.

Tarxeta de cliente

Única para todos os comercios, gratuíta. Con diferentes posibilidades de fidelización: ofertas quincenais exclusivas, puntos acumulados  a descontar, sorteos o número de tarxeta… pode ser tarxeta de pago.

Medios publicitarios

– Publicidade directa por buzoneo.

– Valmiñor T.V, Telemariñas… e outras TV locais/comarcais.

– Cuñas radiofónicas.

– Valados publicitarios.

Políticas comerciais

Non imos estendernos aquí, só uns apuntamentos que servir para favorecer e axilizar as compras.

– De forma presencial na tenda coas vantaxes de atención personalizada.

– Servizo a domicilio : xestionando tres días a semana con horario de admisión de pedidos e horario de entrega. Concentrar os pedidos de entrega no mesmo punto de partida.

– Recollida na tenda sen esperas: pedido feito polo cliente on line, por teléfono. Prepárase en tres horas e listo para entrega e pago na tenda.

Montaxe de campañas estacionais

.- O aire libre ( zonas peonís ) ou a cuberto ( pavillón…).

.- Aproveitando eventos , festividades tradicionais…..

O análise e as propostas que dende MM achegamos, como xa se dixo ao comezo, van máis aló das conxunturas actuais e, en todo caso, son un punto de partida que haberá que perfilando con maior profundidade e sobre todo coa participación activa do sector afectado. Poderíase falar tamén de como mellorar  a xestión de compras e de  stoks, de escaparatismo, da presentación dos produtos nas tendas, da mellora da rotación e a penalización financeira, seguimento da competencia e mellora da rendibilidade, etc.

En Gondomar, 14 de Abril de 2020.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz do G.M. de M.M.-E.M.

Abril 15, 2020

Etiquetas: , , ,