Antonio Araújo foi elixido como candidato de Manifesto Miñor á Alcaldía de Gondomar pola nosa Asemblea local

O pasado venres reuniuse en Gondomar a Asemblea Comarcal de Manifesto Miñor, que, como é habitual, foi aberta á toda a veciñanza que quixo participar nela. Debatemos e puxemos en común todo o relacionado cos vindeiros comicios municipais do 28 de maio.


En primeiro lugar, ratificamos os criterios que xa viñan sendo debatidos para a elaboración das candidaturas e as liñas principais do programa, tanto municipal, como para a Mancomunidade do Val de Miñor e, obviamente, para Entidade Local Menor de Morgadáns. Son criterios que teñen que ver coa territorialidade, é dicir, todas as parroquias deben estar representadas, e, na medida do posible, tamén o deben estar os diferentes actores ou sectores sociais que actúan na nosa contorna, facendo fincapé nos movementeos sociais e veciñais pois Manifesto Miñor segue a ser un espazo político de raíz veciñal e, polo tanto, a democracia participativa unha das nosas guías.

Antonio Araujo, candidato de Manifesto Miñor á Alcaldía de Gondomar

Outro dos puntos foi a elección do candidato á Alcaldía de Gondomar, que por unanimidade das persoas asistentes, recaeu na persoa de Antonio Araujo Quintas. A Asemblea valorou o compromiso e a xenerosidade de Antonio por aceptar esta responsabilidade nun tempo onde a política local, e, en xeral, en todos os niveis, non pasa polos seus mellores momentos de credibilidade perante a cidadanía.


Somos conscientes do esforzo persoal e político que lle estamos pedindo a Antonio; por iso, lle estamos dobremente agradecidos por asumir este novo reto con ansias e ilusión renovadas. Antonio é garantia de traballo serio, de defensa rigorosa dos intereses de Gondomar, de capacidade para dialogar e construir equipos e de honestidade. Renunciar a unha persoa coma el, cos seus coñecementos da política municipal nun momento no que se adiviñan cambios de fondo que poden supoñer deixar ao albur de intereses espurios o Concello, fai que a presenza na Alcaldía de Gondomar de Antonio Araújo sexa a única garantía pra poñer a salvo o interese xeral e o ben común.


Val de Miñor, a 24 de marzo de 2023.
Asdo.: Xaime Luxilde – Secretario de Manifesto Miñor.

Marzo 24, 2023

Etiquetas: ,