A Mancomunidade do Val de Miñor: “Crónica dunha morte anunciada”

Dende Manifesto Miñor, vimos defendendo dende a nosa fundación que contar cunha institución comarcal forte e ben organizada podería ser unha ferramenta fundamental para mellorar a vida dos miñoráns e das miñorás que habitamos esta fermosa Comarca. Permitiríanos ter determinados servizos, máis baratos e mellor dotados, como, por exemplo, unha recollida de lixo conxunta, un transporte comarcal propio, adaptado ás nosas necsidades, un urbanismo, como mínimo, planificado conxuntamente naquelas cuestións básicas que hai que atender e protexer, unha policía local en común, por suposto, un GES dotado de persoal como lle cómpre a unha poboación de máis de 50 mil habitantes ou un Conservatorio de Música mancomunado. Estes son unicamente algúns exemplos do que poderíamos facer en común, é dicir, economía de escala, que por riba de abaratar os servizos, mellóraos.

Foi como predicar no deserto, pois nada disto lle interesou nunca aos alcaldes que o pasado mandato presidiron a Mancomunidade, por certo, os tres do mesmo partido. Vese que organizar servizos en común supón renunciar ao control caciquil dos mesmos e, en consecuencia, perder cota no clientelismo político. Velaí a principal razón de tanta desidia a respecto da Mancomunidade. Ollo, unha deixadez compartida polos grupos da oposición que nestes catro anos nin abriron a boca unha soa vez para denucniar esta situación. 

Asemade, temos que lembrar que Manifesto Miñor fomos vetados expresamente por Paco Ferreira hai catro anos do Pleno da Mancomunidade, polo que quedamos fóra desta institución. Agora, cos cambios habidos na Corporación Municipal de Gondomar despois dos pasados comicios contamos volver entrar para insistir na necesidade de recuperar esta iportantes ferramenta que tanto pode axudar ao progreso da Comarca.

A veciñanza da Comarca debe saber que a Mancomunidade xestiona asuntos de grande importancia e incidencia nas nosas vidas comos son o GES (o noso servizo de bombeiros), a piscina d´A Ramallosa, un psicólogo, o centro de día de Sabarís ou o servizo de salvamento e socorrismo das praais no verán.

Como é posible tanta irresponsabilidade política no Goberno da Mancomunidade que non é quen de ver todo isto, incluso chegar a perder subvencións? Dende MM confiamos en que esta situación ten que rematar a partires da constitucion da nova nova corporación mancomunada. Nós imos estar aí porque cremos neste proxecto.

En Gondomar, a 7 de xuño de 2023.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Xuño 7, 2023

Etiquetas: ,