A inacción das administracións ante as enchentes demostra que tanto o goberno municipal de Gondomar e como a Xunta de Galicia esperan que o caos volva a Gondomar

Dende Manifesto Miñor, asistimos con preocupación a unha situación que lembra á vivida a finais do pasado Nadal. Novamente, vemos como o desbordamento dos Ríos Miñor e Zamáns volven asolagar Gondomar, poñendo en risco vivendas e vehículos de veciñas e veciños da Vila e do barrio da Ponte, en Mañufe. No día de hoxe, as fortes chuvias e, seguramente, a apertura das comportas do encoro de Zamáns, tal e como veñen denunciando dende a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns, fixeron subir máis de 40 centímetros o caudal dos ríos e volveron provocar inquedanza na veciñanza.

 

E mentres isto ocorre, que fan o Concello e a Xunta de Galicia? Esperan que o caos volva a Gondomar, igual que hai 10 meses, pois seguen enleados na súa pelexa particular co gallo da “Proxecto de mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns en Gondomar”. Entre tanto, unhas obras que levan adxudicadas un ano están sen acometer porque don Paco Ferreira non sabe por onde desviar o tráfico pola vila de Gondomar e Augas de Galicia non quere realizar as actuacións en dúas fases.

 

Ben é certo que, nos últimos meses Augas de Galicia estivo desenvolvendo traballos de limpeza do río entre a Vila de Gondomar e a ponte de Mañufe, pero eses traballos son insuficientes e deberían continuar río abaixo. Estes días, parece que os traballos neste sentido están a se realizar no Río das Rasas/Couso, que queda na parte alta, cando debería ter prioridade o desatuimento cara a desembocadura.

 

Doutra banda, hai case un mes o señor Alcalde anunciou en prensa un “Plan de Acción Municipal de Riscos de Inundacións”, do que, a día de hoxe, nin os grupos da oposición nin as persoas afectadas temos coñecemento. No pasado pleno, solicitamos ao Alcalde que incorporase xs afectadxs a ese plan de emerxencias que se está a elaborar para a prevención das enchentes en Gondomar. A resposta foi un desprezo absoluto á Asociación de Persoas Afectadas polos Ríos Miñor e Zamáns, que quedan desamparadas ante a inacción e opacidade do goberno municipal.

 

Dende Manifesto Miñor, solicitamos, en primeiro lugar, unha actuación inmediata e urxente por parte do Concello para mitigar as consecuencias das enchentes destes días tanto na Vila como no barrio da Ponte, en Mañufe. Agora ben, dende a Xunta de Galicia teñen que se levar a cabo as obras necesarias para conseguir que as enchentes non se repitan ano tras ano en Gondomar e deixe as pelexas absurdas con don Paco Ferreira. 

 

En Gondomar, 26 de outubro de 2026.

Manifesto Miñor.

Outubro 26, 2023

Etiquetas: ,