A Asemblea de Manifesto Miñor valora positivamente a campaña das municipais do 28M e ratifica o posicionamento de non apoiar un goberno presidido por Paco Ferreira
O pasado venres, 9 de xuño, Manifesto Miñor celebrou unha Asemblea aberta a toda a veciñanza da comarca co gallo de analizar os resultados do pasado 28 de maio e os novos posibles escenarios na política miñorá no futuro. En primeiro lugar, a Asemblea valorou positivamente o traballo desenvolvido durante a campaña electoral e recoñeceu a implicación de todas as persoas que colaboraron dunha maneira ou doutra na mesma. Non resulta doado facer un traballo tan custoso con recursos propios e sen o respaldo económico que teñen os grandes partidos.
En segundo lugar, constatamos que foi unha campaña moi dura, cunha vaga de ataques contra candidatas e candidatos de Manifesto Miñor, e moi polarizada pola situación do Estado e a recomposición do bipartidismo e das estruturas partidarias. Resistir nesta situación podemos consideralo un éxito para o municipalismo, que no futuro inmediato terá que artellar formas de se organizar e coordinar colectivamente a fin de concentrar esforzos.
Por último, a Asemblea ratificou o apoio ao posicionamento feito público polo noso voceiro, Antonio Araúxo, de non apoiar unha investidura de Paco Ferreira nin un goberno presidido polo actual Alcalde en funcións. Traballaremos, pois, nunha oposición responsable e aberta ao diálogo para a aprobación de todas cantas iniciativas sexan en beneficio da veciñanza de Gondomar. Comezamos una lexislatura na que Manifesto Miñor vai estar nas parroquias con xuntanzas periódicas, continuará desenvolvendo iniciativas e actividades (como as andainas polo Río Miñor, encontros sectoriais, etc.) e seguirá presentando mocións no Pleno para conseguir mellorar Gondomar.
Val de Miñor, 11 de xuño de 2022
Manifesto Miñor.