A Asemblea de Manifesto Miñor acorda, por unanimidade, solicitar a renuncia de Rocío Cambra á acta de concelleira

Nunha carta remitida a Cambra esta semana, a presidenta de Manifesto Miñor, María Luisa Varela, deulle traslado á concelleira do acordo asembleario e, ao tempo, explicoulle os motivos expostos polas compañeiras e compañeiros de Manifesto Miñor.

 

A Asemblea de Manifesto Miñor celebrada o pasado venres, 4 de outubro de 2024, acordou por unanimidade de todas as compañeiras e compañeiros presentes, solicitar de Rocío Cambra á acta de concelleira que lle foi outorgada como número 2 da candidatura de Manifesto Miñor nas pasadas eleccións municipais.

 

Como queira que o abandono de Manifesto Miñor por parte da nosa compañeira Rocío Cambra se produciu por vontade propia, sen que manifestar ningunha discrepancia política no seo da formación, e sen dar explicacións diante da Asemblea para xustificar a súa maneira de proceder, entendemos que se conculcaron todos os principios políticos e programáticos do noso grupo político. As persoas electas de Manifesto Miñor débense ao cumprimento dun determinado programa electoral, público e coñecido pola veciñanza de Gondomar e, polo tanto, non resulta nin ético nin politicamente aceptable que se manteña como concelleira quen decidiu quebrantar o mandato popular que lle outorgou o posto de concelleira na Corporación Municipal de Gondomar.

 

En todo caso, a renuncia á defensa dos posicionamentos políticos de Manifesto Miñor no ámbito municipal por parte de Rocío Cambra quedou clara no último Pleno, celebrado o mesmo venres da Asemblea. Contra o criterio de Manifesto Miñor en defensa da municipalización dos servizos públicos, como é o caso da auga, a concelleira votou a prol da ratificación do estudio de viabilidade da auga e saneamento municipais, que abre a porta a unha nova privatización. Está claro que don Paco Ferreira, se non fomentou, si está a tirar proveito dunha situación que non fai máis que degradar os valores democráticos que sempre defendemos dende Manifesto Miñor.

 

Non entendemos o fondo desa decisión pois, como acabamos de dicir, descoñecíamos a existencia de discrepancias desta compañeira, mais tamén as formas deixan moito que desexar pois soubemos da súa decisión por unha nova publicada no “Faro de Vigo”. Na parte humana prodúcenos unha fonda tristura ese proceder que, despois de dez anos de traballo conxunto, de loita colectiva, de respecto e cariño, Rocío Cambra decidira abandonar Manifesto Miñor pola calada e negándolle unhas explicacións máis que necesarias ás compañeiras e compañeiros que tanto apoio lle deron e con quen tantas vivencias compartiu. Para Manifesto Miñor, a responsabilidade política require tamén coidar o grupo, respectármonos e saber escoitar aínda que non nos gusten as opinión das compañeiras e compañeiros.

 

Dende Manifesto Miñor, así o constatou a Asemblea, imos seguir loitando pola veciñanza de Gondomar e traballando en favor do ben común, como viñemos facendo ata agora, malia que haxa quen nos queira facer desaparecer. Por iso, reiteramos a necesidade de actuar con responsabilidade política e altura de miras, e insistimos na solicitude da renuncia á acta de concelleira de Rocío Cambra, de tal xeito que sexan outrxs compañeirxs quen defendan o programa de Manifesto Miñor e, dalgún xeito, poidan restituír a honorabildade da acción política e dxs respresentantes públicos.

 

En Gondomar, a 5 de outubro de 2024.

 

Asdo.: María Luisa Varela

Presidenta de Manifesto Miñor

Outubro 10, 2024

Etiquetas: